Compostela, espazo de ilustración

MiiC2018Pilar Sampedro. Ás veces pasa. Coinciden dúas exposicións con puntos comúns no tempo e no espazo. MiiC segunda edición. Mostra internacional ilustración Contemporánea está no espazo de Afundación, na rúa do Vilar, presentando dezanove proxectos ilustrados que queren mostrar o que se está a facer, segundo di a comisaria, na área da ilustración de vangarda mundial. Neste caso, ponse o foco na representación subxectiva da natureza e o universo feminino e aténdese tamén ao tratamento da cor. Realmente, á ilustración hai que pórlle cabeciña, porque sendo algo non demasiado difícil de visibilizar, neste momento achega todos os avances que a nivel conceptual e técnico teñen as artes plásticas. É ilustración o que fai a rapazada cando gusta de debuxar, é o que pode realizar calquera aínda sen cuarto propio, pero nela temos constancia do momento que se vive e dos últimos adiantos. Comunicación en estado puro, próxima ao cartelismo e á publicidade, obra para ser colocada nos centros de arte contemporánea ou nas publicacións ás que achega unha nova visión; obras que poden realizarse por medio de debuxos simples, pinturas, serigrafías, esculturas, cerámicas, collages, videoclips, risografías, creacións dixitais, instalacións conceptuais… sempre cunha mensaxe que transmitir, cun mundo propio que compartir.

Estas exposicións, MiiC, resultan xenerosas porque presentan moitas miradas diferentes que nos chaman para poder acudir a buscar aquelas autoras e autores que máis nos teñan chamado a atención, unhas por orixinais ou rompedoras como Helena Pérez García que asina a tarxeta ou Iria do Castelo, veciña da nosa provincia, que se basta co lapis sen cor. Artistas como Christoph Niemann, Maria Hesse, Brosmind, Bea Lema, Laralars coas súas colaxes, as naturezas de Luisa Rivera ou os paxaros de Sara Landeta ocupan Afundación.

A outra exposición é Tres anos de Compostela ilustrada, que se realiza na Casa do Cabido, e responde ao Encontro Internacional de cadernos de viaxe realizados nos anos 2016, 2017 e 2018.

Uns encontros que xiran arredor de campos como o turismo, a arte e a cultura, posibilitando a presenza de moi bos debuxantes nas rúas compostelás, captando a pedra pero tamén aos paseantes ou a natureza.

Unhas xornadas de ilustración urbana na que os artistas toman Compostela para debuxala, cada un deles buscando os lugares que máis lle atraen para introducilos dentro do caderno e baixo o estilo propio.

PortadaCI-624x874 (1)Esta mostra é un breve resumo do traballo realizado nestes tres encontros polos artistas convidados. Neles atopámonos con Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Banda Deseñada, facendo as funcións de director (igual que en Viñetas desde o Atlántico), Gemma Sesar, editora de El Patito e coordinadora das Xornadas e tamén da exposición na que podemos ver directamente os cadernos, os debuxos reproducións e libros que tiveron a súa orixe neses encontros.

Sinaturas como Carlos Silvar (o home dos paxaros), Fausto (autor dos carteis dos encontros), Javier Mariscal (máis alá dos logos), Miguelanxo Prado, Alfredo, Alicia Aradilla, Javier Valléz, Lapin, Urumo, Santiago Ríos… fanse presentes nunha exposición na que tamén se mostran as fotografías destes creadores nas rúas coas súas ferramentas.

Unha cidade como Santiago dá moito de si, tanto que non tería sentido convocar un certame de escultores que entreguen obras á cidade para o seu mobiliario urbano. O que cómpre en Compostela é reproducir a súa beleza, debuxar a améndoa histórica, saír aos parques para mostrar o verde que acompaña a cidade de granito.

Sempre é agradábel observar como traballan os creadores, sexa cos lapis e pinceis ou co óleo sobre o lenzo; coas palabras que crearán itinerarios literarios ou coa plástica máis pegada ao ollo.

Ilustrar unha cidade que mostra a súa historia, que conta cun relato que escoitamos cada día, darlle outra dimensión apoiándose na maneira propia de cada artista que o é. Santiago visto polos ollos e as mans dos mellores cadernistas que agasallan a cidadanía coa súa presenza e obra.

Ver a cidade con outros ollos. Observala ocupada por artistas que se reparten os diferentes lugares. E saber que detrás do que estamos a ver houbo moitas máis actividades para as que se aproveitou a estancia dos debuxantes: presentacións de libros, exposicións, obradoiros de ilustración… E cada ano engádense novas iniciativas coma o premio ao mellor caderno ou a tapa ilustrada.

Atentos e atentas, pois, a estas exposicións e ás actividades que están na súa orixe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *