Novos servizos e urbanismo en Boiro

B23E9042Antón Rodríguez Gallardo. Culminando un longo e dificultoso proceso iniciado máis dunha década atrás, en marzo de 1957 inaugurábase en Boiro a nova Casa do Concello e un grupo escolar para nenos e nenas. Ambas infraestruturas formaban parte dun ambicioso plan de obras públicas que contemplaba, ademais, a construción dunha casa cuartel da Garda Civil, un mercado de abastos e centros escolares en Escarabote, Abanqueiro e Bealo. Aprobado en 1947 durante o mandato do alcalde Perfecto Abalo, este plan contará cun presuposto duns 2.000.000 de pesetas.

Conforme aos proxectos realizados por Eduardo Rodríguez-Losada, recoñecido arquitecto coruñés, membro da Real Academia Galega de Belas Artes e tío político do escritor Camilo José Cela, o Concello e o grupo escolar serían as primeiras obras en executarse. Ambos edificios emprazaranse nun solar duns 8.000 metros cadrados resultante da expropiación de varias fincas a labradío (Solares de Bao), céntricas e estremeiras ou próximas á estrada xeral, onde estaba previsto edificar tamén a casa cuartel e o mercado, e reservar un espazo para a feira de gando que, con escasa concorrencia, se viña celebrando no monte de Espiñeira.

Adxudicada en 1951 por 509.900 pesetas, a construción do grupo escolar -denominado Martín Gómez na memoria dun mestre xubilado, que curiosamente non exercera na localidade- posibilitaba dignificar as calamitosas condicións do ensino na parroquia de Boiro, ata esa data dependente de locais arrendados a particulares que presentaban graves carencias en canto ás súas condicións hixiénicas e pedagóxicas. E, por outro lado, materializaba nalgunha medida un proxecto aprobado en tempos da Segunda República, sendo alcalde o socialista Juanito Somoza e concelleiros os mestres republicanos Martínez Virel, Álvarez Gantes, José Caballero e Manuel Otero Ferro. Curiosamente, Perfecto Abalo, o alcalde que promovía a obra, era tamén mestre e mantivera excelentes relacións co agora exiliado rexedor Juanito Somoza.

Guiadas polo plan urbanístico que, a mediados dos anos sesenta, aprobaba o goberno presidido por Jesús Chouza, no contorno desta nova área iranse abrindo sucesivamente as primeiras rúas do ensanche boirense: Santos Mieites, Robustiano Pérez del Río e Norberto Pijuán. Tras a apertura de rúas chegarán as edificacións coa súa oferta de locais, atraendo a comercios, hostalería e demais servizos. Iniciábase, deste xeito, o despegue urbanístico e económico do novo Boiro, e o declive definitivo de Cimadevila, a capital municipal e histórico centro de servizos da localidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *