Efluvios do esquecemento

IMAG0569Xosé Manuel Lobato. Avanzar sen molestar, sempre inmerso no seu íntimo sixilo, pausado e despreocupado sen rancores, malia tantos atrancos que o bípede ser pensante foi argallando para beneficiarse do seu natural itinerario. Emerxe brincando, cantareiro e xovial, en terras agrestes no lugar de Talariño, na súa crianza percorre a parroquia de Paradiña, lugar que abandona sen altas expectativas de resplandor nin conquistas efémeras. Semella solidarizarse cos veciños e veciñas do lugar que obrigados tamén abandonaron Paradiña.

Real e nobre, o seu é agarimar sen extorsionar a esas ribeiras que lle conceden o pracer de camiñar na ilusión dun palio paliativo.

Soñar durante o seu aletargado sono nun espectacular dosel, ilusión arraigada nese rechouchío murmurador, meu avó sempre madrugaba, amencer ao carón dunha corrente fluvial, implicaba gozar de excelsos sons que no ar se transforman nun baldaquino.

Profunda metamorfose que xorde da combinación rápido – lento, dun avance irremediable na procura dese mergullo oceánico de profunda marusía sinfónica.

Mociño conquistador, a súa xuventude impregna o ar dulcificando ao seu paso con tanta cordialidade, unha calidade intrínseca  posúe dende o seu natalicio, esquecer os egos malignos de tanto trepa avasalador mortal.

Unha beizón na ara milagreira, resistir tan feroces e voraces ataques, esgotado e indefenso vieiro fluvial, todo cordialidade nese seu idílico paseo por un soño de latexar vital.

IMAG0417Esquece e maquina o Limia, reflexiona e acouga, non hai represalias no cenzo para os ousados conquistadores, só ao seu paso lembra os recordos inspiradores de historias apegadas á terra.

Relatos que permanecen e non acadaron aínda o masificado limbo do xustos axustizados.

As augas do Limia remexen nos lodos o seu patrimonio de oralidade. Así, na súa vella memoria conservan o quefacer daqueles ousados ingleses que armados de sachos, picos, e profunda fe amparada no Ciprianillo.

Eles, os foráneos transformados en depredadores, tentaron extorsionar e furtar o tesouro do lugar de Mosteiro, mais cando se decataron os nativos, botáronnos a pedradas e sen que lograran tan vil obxectivo.

Canto saben, coñecen e de cando en vez lembran os lodos profundos do río Limia, río apresado no mesmo Aquis Querquennis, onde ansioso agarda ollando por entre as reixas a visita da súa estrela, luminosa errante, pero adorada dende o silencio e o forzado cativerio fluvial.

Un comentario en “Efluvios do esquecemento

  1. Querido Lobato:
    ¿ Sabes por qué ese río tan jovial y cantarín continúa a pesar de todo sin rencores hacia los bípedos con “ese rechouchío murmurador”, ? Por que sabe perfectamente que siempre habrá alguien que al hablar de su hermosura, llega con facilidad al límite de lo ideal.
    Continúa escribiendo, José Manuel, y no nos hagas esperar tanto. A veces hay que hacer antes lo urgente y dejar lo importante. Leerte siempre requiere urgencia.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *