Álava, capital Vitoria

descarga (1)X. Ricardo Losada. A hipótese dos seis graos de separación establece que unha persoa pode estar conectada a calquera outra do planeta a través dunha cadea de coñecidos que non ten máis que cinco pasos intermedios. Propúxoa o escritor húngaro Frigyes Karinthy nos anos 30 baseándose na idea de que o número de coñecidos crece exponencialmente co número de enlaces da cadea, de tal xeito que só un pequeno número de enlaces son necesarios para que o conxunto de coñecidos se converta na totalidade da poboación humana. Eu coñezo a A, A coñece a B, B coñece a C, C coñece a D, D coñece a E, E coñece a F, e este F pode ser o presidente chinés, un indio do Amazonas ou o último neno nacido en Ruanda.

Sempre me pareceu unha hipótese fermosa, pero difícil de contrastar persoalmente. Ata o outro día. Hixinio Varela, o presidente do equipo de fútbol rianxeiro C.D.Unión, do que eu fora xogador, directivo e adestrador, invitoume a participar nun programa monográfico que a Radio Galega facía no auditorio de Rianxo sobre o 50 aniversario do club que se celebra este ano. Ao parecer, o presentador quería saber a orixe do grito de guerra (grito de motivación, teriamos que dicir hoxe) que utilizan os xogadores do C.D. Unión antes do partido, un grito que eu instaurara e que, para a miña sorpresa, segue vixente, había case trinta anos sendo adestrador do equipo infantil. No primeiro partido os xogadores pedíronme un grito de guerra e, como non o tiña previsto, decidín recuperar o que usabamos na facultade de Filosofía. O adestrador dicía Álava, capital…e os xogadores berrabamos con todas as nosas forzas Vitoria!!!!!! Como aquel equipo infantil gañou todos os partidos do campionato, cando anos despois adestrei o primeiro equipo, adoptei o mesmo grito, aínda que, neste caso, os resultados foron tan malos que cheguei a pensar que á capital de Álava lle terían que chamar Derrota.

1200px-Six_degrees_of_separation.svgO caso é que, tras explicar no programa da Radio Galega a historia que vos acabo de contar, e para sorpresa de todo o auditorio, o presentador púxome en contacto telefónico co alcalde de Vitoria-Gasteiz mentres eu soñaba que me ía invitar á súa cidade. Ao rematar o acto recordei a hipótese dos seis graos e fun para a casa botando contas. Eu coñecía o presidente do Unión; o presidente do Unión, o presentador da Radio Galega; o presentador da Radio Galega, un membro do gabinete de prensa do concello de Vitoria; o membro do gabinete de prensa do concello de Vitoria, o alcalde; o alcalde coñéceme agora a min e, xa que logo, cun só paso máis (o sexto!) podería pórse en contacto con calquera dos múltiples coñecidos meus. Foi tal a conmoción que me provocou contrastar persoalmente a hipótese de Karinthy que non tiven ningunha dúbida de que se o grito de guerra fose Columbia Británica, capital Vitoria, por moito que esa cidade estea en Canadá, o presentador da Radio Galega non necesitaría máis de seis enlaces para pórse en contacto co seu alcalde, e eu podería soñar con que me invitase á súa cidade. Ao fin e ao cabo, como na outra Vitoria xa estivera, a hipótese de Karinthy quedaría así mellor confirmada.

4 comentarios en “Álava, capital Vitoria

  1. Benquerida Magdalena:

    Sen dúbida é un grito moi particular. Xa é particular que, daquela, houbera un equipo de fútbol con estudantes de Filosofía (o fútbol non estaba moi ben visto en certos ambientes) e, para máis, un grito tan pouco reflexivo. Pensamos, logo… ganamos, sería algo máis acaído.
    No noso caso, si hai seis graos. Eu coñecín a Pedro, Pedro coñecía ao director da radio que me entrevistou, o director da radio que me entrevistou ao xornalista que me entrevistou, o xornalista que me entrevistou coñecíate a ti (como oínte do programa), ti coñécechesme a min falando nese programa e, finalmente, démonos dous bicos nun acto de presentación dun libro en Pobra porque os dous coñeciamos a don Faustino Rey Romero.
    Gustoume moito o segundo parágrafo do teu comentario, tanto polo ton como polo contido. Alédome moito de que sexa así.
    Un saúdo

  2. Me ha parecido muy particular y especial ese grito de guerra que teníais en la facultad y después recuperado para la C. D. Unión. Recuerdo la escalofriante y violenta danza que en la película “Invictus” protagonizaban los contrincantes del equipo sudafricano antes de empezar el partido de rugby para amedrentar al contrario. Vitoria, aunque sea sin la C, es una palabra cargada de estímulo que un buen entrenador debe saber transmitir, y por el hecho de que se acuerden de uno a pesar del tiempo transcurrido, eso ya es una prueba concluyente de que se ha obrado bien.
    No sé si podré aplicar la hipótesis de los seis grados el haberos conocido a muchos de vosotros, probablemente no sea lo mismo, pero lo que sí sé, es que en las circunstancias en las que me he visto envuelta, estos contactos epistolares me han ayudado a mantener la mente más serena y por lo tanto más dispuesta a afrontar mucho mejor todo lo que de letal nos da la vida.
    Besiños palmeiráns, querido profesor.

  3. Prezado Fidel:

    Que fermosa crítica literaria. Non coñecía ese libro de Karinthy pero, polo que contas, e por como o contas, vou compralo canto antes. Tanto o título como o tema sonme de sumo interese. Recórdame o extraordinario ” Viaxe ao redor do meu cuarto” de Xavier de Maistre. Non teño ningunha dúbida de que debe ser unha viaxe alucinante e, desde logo, estimula moito a miña curiosidade que, por riba, sexa poético.
    Pospoño as grazas a cando lea o libro, se pode atoparse, claro.
    Apertas

  4. Vaites sorpresa, meu prezado e admirado Ricardo, ao ver o nome de Frigyes Karinthy no Café. Lembro ler nos meus anos mozos unha obra que deixou pegada pola emocióm sentida. Refírome a “Viaxe arredor do meu cráneo”, baseada na súa triste experiencia de padecer un tumor cerebral, operado en Estocolmo polo profesor Olivecrona. Deulle tempo a describir paso a paso tanto os síntomas como a mesma intervención con anestesia local e á que asistiu mediante un xogo de espellos. Un texto que aínda hoxe teño como un dos que me impesionaron, talvez por ser máis novo, pero coido que foi sobre todo pola valente e mesmo poética escrita. Grazas por me lembrares ese autor que xa tiña como esquecido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *