Paixóns frías

polarization-1201698_960_720X. Ricardo Losada. Acabamos de sobrevivir a dous intensos procesos electorais, e iso demostra que estamos preparados para recibir cantidades inxentes de contaminación ideolóxica e de manipulación política, debido, supoño, a que os seres humanos metabolizamos mellor as paixóns fervorosas, como a fe, que as paixóns frías como a reflexión e a dúbida. Nada novo baixo o sol, por moito que de forma recorrente, os defensores do mundo clásico (ou, mellor dito, os detractores do mundo moderno) nos queiran vender que a democracia grega se xogaba coas regras do diálogo e a virtude do ben común. Independentemente de que non puidesen votar as mulleres e os escravos, só con saber que a asemblea estaba composta por ricos e pobres, podemos deducir que a compra dos votos era frecuente. E calquera que lese os sofistas sabe que os discursos non estaban preparados precisamente para convencer senón para seducir.

Por iso me sorprende que cada vez que remata unha campaña electoral, se levanten voces en contra do día de reflexión, un día que moitos consideran absurdo nunha democracia madura. E sorpréndeme porque me parece unha idea marabillosa que, por unha lei democrática, todo un país estea obrigado a reflexionar un día concreto do ano. Que, na maioría dos casos, é unha reflexión retórica, acéptoo. Pero é unha reflexión, ao fin e ao cabo, e evita outro día máis de contaminación acústica e mental severa. Xa que logo, o lóxico sería pedir quince días de reflexión e un -ou ningún, pero non quero pórme utópico- de campaña electoral. Todo serían vantaxes democráticas (aforro económico, redución da tensión populista, diminución do fanatismo relixioso dos mitins), tendo en conta que hoxe é posible coñecer as propostas dos candidatos sen saír da casa, e que aos mitins un vai a reafirmarse, non a informarse.

Creo que foi Adenauer quen dixo que en política o importante non é ter razón, senón que cha dean. As campañas electorais son procesos polos cales algunhas persoas, que chamamos políticos, se obsesionan con que os votantes lles deamos a razón, e a xornada de reflexión, o día en que os votantes decidimos a quen llela damos. Se fose ao revés, como aquí propoño, e houbese unha campaña de quince días de reflexión e un só día -ou ningún- de mitins, deixariamos de darlle a razón aos políticos como aos tolos. De feito, en todas as campañas electorais recordo aquilo que dixo Valle-Inclán ao ser detido pola policía tras montar un escándalo durante a estrea dunha obra de teatro que o horrorizara: “Arresten os que aplauden”. É o que teño ganas de facer eu cada vez que comeza unha nova campaña electoral. Ir a un mitin a montar un escándalo e, cando me deteña a policía, berrar: “Arrestade todos eses que, por riba, aínda lles dan a razón”.

2 comentarios en “Paixóns frías

  1. ¡ Cuánta razón tienes, querido profesor ! El poder es solamente facilidad de expresión, y lo malo es que aunque nosotros no nos ocupemos de la política, ella se ocupará de nosotros, y curiosamente, cuando votamos con el corazón y no con la cabeza, no nos sentimos responsables del fracaso del gobierno que hemos votado, y como decía – no sé quién – “Los hombres de estado son como los cirujanos, sus errores son mortales”.
    Empiezas tu artículo diciendo que acabamos de sobrevivir a dos intensos procesos electorales y dices verdad porque, en política siempre hay que elegir entre dos, o varios males.

    Día de reflexión, o varios, como señalas : A estos días o día de consideración, deberíamos aplicarles las matemáticas, – las que por desgracia a mí me quedan grandes – : todo lo que no es totalmente correcto, está mal.

    La frase de Adenauer la complemento con esta de Churchill : “Sólo me fío de las estadísticas que he manipulado”.

    Valle – Inclán. ¡ Qué genio ! y muy razonable también la última frase del artículo.
    El poder, querido J R. Es el afrodisíaco más fuerte que existe. Imagínate, hasta engorda.
    Besiños palmeiráns y un preciosísimo día.

    1. Prezada Magdalena:

      1- Quero que conste que non me gusta escribir artigos así porque pode dar a impresión de que é mellor non preocuparse pola política, e non é o caso. Declararse apolítico paréceme absurdo. É como dicir que fagan coa miña vida o que queiran. Odio esa frase de “Todos os políticos son iguais”. Pero ultimamente estase chegando a un nivel de desprezo da intelixencia dos votantes (a un e ao outro lado do espectro político), tan alto, que dá noxo, e un sente a necesidade de escribir textos coma este. Pero a miña postura é máis matizada. Todos os políticos son iguais nos defectos, pero non nas virtudes. E eu voto aos que creo que teñen mellores virtudes.
      2- A frase de Churchill é cada vez máis exacta. E o que nos queda coas novas tecnoloxías!
      3- Si. O poder é afrodisíaco, sen dúbida. E ir a un mitin de líder, tamén. O que me parece incrible é que ir de público a un mitin siga sendo tan afrodisíaco.

      Apertas rianxeiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *