A viaxe de Lula

lula1Xerardo AgraFoxo. O seu pai, Arístides, incapaz de alimentar a súa dona, Eurídice, e os sete nenos que tivera en Varzea Comprida, emigrou cara ao sur para darlle saída a unha vida de labrego que só podía fornecer os rapaces con anacos de mandioca mesturada con restos de café frío. Atopou traballo de estibador no peirao de Santos, o punto de saída de São Paulo cara ao mar, onde emparellou con outra muller, por certo, curmá de Eurídice, coa cal tivo catro fillos. Uns anos máis tarde regresou coa nova familia ata Varzea Comprida, pero axiña volveu a Santos levando consigo os dous fillos maiores. Algún tempo despois, Eurídice recibiu unha carta do sur: Arístides invitábaa a reunirse con el e cos demais nenos que quedaban no berce familiar. Así, a finais do ano 1952, Eurídice cargou cos rapaces que lle quedaban, entre eles Lula, que só tiña sete anos, e na traseira da camioneta dun veciño de Garanhuns, a través dos camiños ateigados de po vermello e dos carreiros máis salvaxes do nordeste, percorreu tres mil quilómetros durante trece días ata acadar Santos. lula2A chegada daquela camioneta escangallada causou consternación entre os veciños do peirao. O máis curioso foi que Arístides non enviara convite ningún, non escribira unha soa liña para reunirse coa súa dona. A carta a Eurídice fora escrita polo fillo maior, que botaba de menos a nai. Aquela viaxe interminable por estas terras espidas, que cruzaba eu atordado pola realidade enxergada dende a xanela dun autobús, marcaría coma un ferro candente a vida daquel rapaz enxoito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *