Psicose de fronteira

BD20C2F2_19028Amancio Pampín Suárez. Experimento a psicose de fronteira. Entro desde Xordania. Son cacheado, interrogado e fichado. Expulsan do control unha nai mentres uns gardas esnaquizan caixas de galletas. Da ponte Allenby sae o bus entre sinais de «perigo, minas».

A cidade é unha cúpula dourada, oliveiras centenarias, edificios coroados de arame de espiños. É un muro sagrado entre detectores de metais, un viacrucis e graffitis coa Kaaba. Cambiar de rúa é cambiar de país: unhas con toque de queda; outras con terrazas cheas. Máis aló leo: «Área residencial xudía, non pasar». No zoco vexo camisetas co slogan «USA keep calm, Israel is coming», e palestinas bicolores a bo prezo.

A cidade son persoas: recrutas etíopes e mozas louras con unllas pintadas; son curas e monxes teimando sobre o punto exacto do sepulcro; e nenos que saen do colexio con escolta armada; son mozos musulmáns que colocan grilandas para celebrar o ramadán e patrulleiros que lles ordenan apartarse. De madrugada, vellos ortodoxos louvan a Deus na rúa. Mentres, uns cristiáns palestinos láianse e profetizan, entre dentes, que a cidade, algún día, volverá ser súa.

A cidade é unha pintada no muro que rodea Belén; a pomba da paz desgarrada polo león da guerra. Ao seu carón, un letreiro de benvida en 3 alfabetos: «Welcome to Jerusalem».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>