A casa xunto ao volcán

9788491514169Mercedes Rodríguez Fraga. Dicía noutra ocasión neste mesmo blog que a primeira novela de X. Ricardo Losada, Bótame deste mar fóra, era unha mostra do carácter «humano, demasiado humano» do autor, ao tempo que parafraseaba o título dunha obra de F. Nietzsche.

     Non se equivocaba X. Ricardo na presentación da súa última novela en Rianxo cando dicía que Nietzsche espertaba paixóns no seu alumnado de Filosofía. Por ese motivo, decidiu escribir sobre como a protagonista, unha alumna do IES Félix Muriel, construía a súa casa xunto ao volcán.

     Supoño que moitas das alumnas de X. Ricardo podemos vernos reflectidas en maior ou menor medida en Xeila, unha rapaza que non soamente se reta a si mesma para descubrir o que quere senón que igualmente fai reflexionar a quen a rodea sobre a aceptación de certas normas sociais.

     Ano 2001, cursando COU no IES Agra de Raíces de Cee. Os profesores de Latín e Grego organizan en abril unha viaxe a Mérida para os alumnos e alumnas da área de Letras, co fin de asistir a varias representacións no teatro romano. «Imposible. Non podo ir»?, díxenlle ao profesor de Latín. «Teño exame de Filosofía esa semana. Ademais, Kant. E Selectividade ás portas». Ao día seguinte, dime X. Ricardo: «O exame fágovolo a ti e ás que vaiades a Mérida á volta da viaxe». Eu insistín en que non, que non podía deixar de asistir a tantas clases tampouco. El, cun sorriso, dixo algo que nunca esquecería: «Aprenderás máis nesa viaxe que nos catro días de clase que perdas. Nótote cansa, desfruta e reláxate. O exame de Kant sairache igual de ben que os demais. Tómao como un reto». Entre iso, a insistencia dos profesores de Latín e Grego e a miña nai preparándome a maleta antes de que eu decidise nada… alá fun. Confeso que todos tiñan razón. Esa viaxe foi o empurre que precisaba para acabar un curso duro, esgotador e estresante.

     Á volta, aquel 9.25 no exame de Kant sóubome mellor que ningún outro. A miña mente non podía entender como na recta final do curso, e tendo un exame tan importante, ía desatender as miñas obrigas. Dalgún xeito, X. Ricardo fixérame ver a importancia de saír das miñas propias imposicións. Eu xa sabía do que era capaz a base do traballo sen descanso pero, sería capaz de acadar os meus obxectivos sen seguir as miñas directrices? Era un risco que había que correr. Lembro a viaxe no autobús pensando en que non estaba a facer o correcto pero tamén pensaba na confianza que tiña X. Ricardo en que uns días sen estudar non influirían negativamente nos meus resultados.

     Debeu ser aquela experiencia, ou tal vez «a paixón por Nietzsche» a que fixo que confiase máis en min mesma pois ao día seguinte do exame do filósofo alemán, X. Ricardo púxome diante a proba cun dez entre admiracións. «Bordáchelo» -dixo. Foi o último exame con X. Ricardo. Remataba a etapa de profesor-alumna e comezaba outra -xa non podía seguir tratándoo de «vostede»- igualmente enriquecedora. En cada conversa, en cada libro deste fantástico profesor e mellor persoa, vinme obrigada a pensar, a retarme a min mesma.

Foto: AELG
Foto: AELG

    Debo dicir que desde que abandonei o instituto, sempre me acompañou esa aprendizaxe. Pelexar polo que quero converteuse nunha constante na miña vida, a base de traballo, de caídas e, por suposto, de esperanzas. Despois de dous anos de reflexionar con X. Ricardo, decateime de cal era o lugar para construír esa casa. Que mellor volcán onde un mesmo naceu, onde aprendiches todo o que sabes, onde se che quere -ou non- polo que realmente es e non polo que aparentas ser. Dos meus pais aprendín que podía chegar a onde quixese pero sen esquecer nunca de onde veño. Podo dar fe -en primeira persoa- de que todas aquelas circunstancias en contra nas que un se poida atopar non son obstáculo suficiente para erixir a casa que se desexa. Porque ao final, son eses atrancos no camiño os que che obrigan a decidir que é o realmente importante e o que non. Isto fai que lembre outra aprendizaxe con X. Ricardo: «Debes vivir a vida que ti elixas, non a que elixan por ti. Non te preguntes por que son diferente? Máis ben, son diferente, e que?»

     Camiño polos corredores do instituto e penso naquelas conversas. Ás veces, o recordo é tan real que parece que X. Ricardo vai asomar detrás dunha porta. Agora, son os meus alumnos e alumnas quen me buscan nos recreos para comentarme un problema, unha preocupación… en fin, as inquietudes tan propias da adolescencia. E, pensando na mellor resposta, cada vez son máis consciente da importancia dos docentes na vida dos alumnos. Agora comprendo a alegría e a ansia coas que X. Ricardo entraba na clase porque cada día supón un novo reto, novas preguntas que responder, novas reflexións ás que enfrontarte. Cada día debe ser distinto ao anterior; cada día debe ser un paso máis cara ao volcán.

3 comentarios en “A casa xunto ao volcán

  1. Prezadas Mercedes e Magdalena:

    Ler o Día da muller dous textos coma os vosos éncheme de
    orgullo e agradecemento.

    APertas rianxeiras

  2. ¡ Hola, Mercedes ! Ya tuve el gustazo de leerte por la mañana pero, hasta ahora no he encontrado la ocasión para contestarte. Los domingos para mí, no son de fiesta de guardar.
    Aunque he leído el libro del profesor, (muy bueno, por cierto ) solo voy a decirte que has tenido mucha suerte de haber sido alumna de José Ricardo y estoy contigo cuando dices lo de “buen maestro y mejor persona”. Ahora ya veo que tú también eres maestra, pues ya sabes aquel cantar de Mio Cid “Qué buen vasallo si tuviera buen señor”. Has tenido buen señor, segurísimo que eres una buena instructora. Conserva el calor de ese entusiasmo con el que honras la memoria de quien te enseñó a ser lo que eres, pues ser agradecidos es de buenas personas y se ve que lo eres.
    Cariñosos saludos palmeiráns.

    1. Bos días.

      Moitas grazas. Debo dicir, Magdalena, que subscribo totalmente o que dis. Xosé Ricardo é un gran mentor e referente nas miñas clases e nunca deixarei de estarlle agradecida por toda a súa aprendizaxe.
      Apertas lirenses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *