A derradeira viaxe dos irmáns Somoza Piñeiro

O xulgado de Boiro atopábase neste inmoble de Cimadevila

O xulgado de Boiro atopábase neste inmoble de Cimadevila

Antón Rodríguez Gallardo. Con data do 8 de outubro de 1936 eran anotadas no rexistro civil de Rianxo as mortes de José e Maximino Somoza Piñeiro, irmáns e veciños do núcleo boirense de Escarabote, de 24 e 22 anos de idade. Os seus cadáveres apareceran nunha paraxe de Taragoña, apenas separados uns metros. En ambos casos, indícase que a causa do falecemento foi unha hemorraxia interna, sen máis, obviando que a hemorraxia se orixinara polos disparos dunha arma de fogo.

O dobre crime coincidía cos momentos iniciais da represión promovida pola Junta de Defensa Nacional, que gobernaba o territorio dominado polos militares sublevados contra a República no mes de xullo, ou Zona Nacional, e que en Boiro provocara xa asasinatos como os de Santos Ruíz, veciño de Cabo da Cruz, de 18 anos; Manuel Piñeiro, de Belles (Macenda), de 31, ou Ricardo Vilas, veciño de Treites (Cespón), de 42.

Sen máis significación política ou sindical que a súa filiación a unha sociedade obreira, non sabemos se da UGT ou da CNT, os irmáns Somoza Piñeiro eran uns de tantos humildes traballadores aveciñados no populoso, mariñeiro e esquerdista núcleo de Escarabote, onde vivían coa súa nai, viúva e xornaleira, e dous irmáns menores, de 16 e 13 anos.

Coa súa mocidade e no contexto do momento é fácil imaxinalos, en cambio, integrando unha das partidas de milicianos que, baixo a dirección do comité de defensa da República, organizado en Boiro a instancia do Goberno Civil como reacción ao golpe de Estado de xullo, exerceran un estrito control sobre as persoas sospeitosas de conivencia coa rebelión militar. Así o fixera o seu irmán maior Juan, de 26 anos, condenado a posteriori pola xustiza militar franquista a 15 anos de prisión.

Instigador

Segundo nos testemuñou Moncho Somoza, fillo de Juanito o Chono, alcalde socialista na fin da República, despois de quedar sometido o concello de Boiro á autoridade dos partidarios do golpe de Estado, un mozo de Escarabote dunha acomodada e influente familia -que sufrira especialmente a actuación dos milicianos do referido comité- instigou a detención e represión dos seus veciños José e Maximino.

Baseándose no relato dun falanxista arrepentido -tal vez testemuña directa do sucedido-, Moncho Somoza contábanos que, tras recibir unhas brutais malleiras no funesto xulgado boirense que se atopaba en Cimadevila, os irmáns Somoza Piñeiro foron obrigados a embarcar nun coche en compañía de varios falanxistas e, ao menos, un garda civil, marchando de Boiro con dirección a Taragoña. E que, unha vez na entrada desta localidade, fixéronos baixar do vehículo e camiñar por unha pista.

Os dous ían coas mans amarradas ás costas e atados un ao outro polos cóbados.

A pesar de que o instigador da represalia parece ser que acabara arrepentíndose, non puido convencer a algúns dos que o acompañaban e evitar o asasinato dos seus veciños.

Atravesado polas balas do fusil do garda civil, José era o primeiro en caer. Maximino, que presa do pánico se desligara das ataduras que o unían ao seu irmán, escapou a correr, caendo ao chan uns metros máis adiante, desequilibrado ao saltar o muro dunha viña. Alí mesmo recibiría os disparos mortais da pistola dun dos falanxistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>