De libros e oficios

LibrooutrosoficiosPilar Sampedro. Rafa Villar ganou o XVI Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez coa obra O libro dos outros oficios. Libros de oficios houbo. Incluso libros nos que os oficios se mostraban a través de gravados que nos poñían en contacto coa imaxe e o traballo de cada un deles.  Coa idea en marcha, era cousa de profundar nos “outros” oficios, aqueles que en ningún dos tempos coñecidos tivo razón de ser. Así se nos presentan 33 relatos cheos de fantasía que teñen en común a inexistencia do oficio que describen. Polas páxinas van desfilando a afinadora de ventos, a apalpadora de estrelas, a apañadora de medos, a descubridora de xoguetes perdidos, a domadora de temporais, a escaladora de universos, a regaladora de solpores, a reparadora de nubes… Todas elas femininas, unhas máis afastadas da realidade ca outras porque poderían crearse en calquera momento a repartidora de cartas extraviadas (un novo servizo de correos agora que teñen pouco traballo), a seleccionadora de ideas (unha boa secretaria), a valedora de causas imposibles (as comprometidas e solidarias, as idealistas e utópicas: desas podemos atopar moita oferta!), a varredora de sombras (esas avoas, nais, mestras e tías dispostas a acabar con acosadores para eliminar as primeiras enrugas da rapazada), a redeira das palabras (filólogas apañando vocábulos), rastrexadora de lúas (astrónomas que poden aproveitar para poñerlles os nomes das nosas escritoras) …Máis difícil será atopar probadoras de alfombras voadoras ou levantadora de escaravellos.

É ben certo que o autor pensou que para estes oficios se prestaban máis as mulleres que os homes, sabemos máis da utilidade do inútil, do mundo das ideas que semellan pouco operativas pero levan unha carga de creatividade que as fai axeitadas para o futuro.

Hai algunha pola que teño verdadeira preferencia como a coidadora de paisaxes (“A coidadora de paisaxes, no seu cometido, debe ter unha fe que mova montañas, dito isto de maneira metafórica),  a expendedora de sorrisos, a exploradora de lugares, a lanzadora de abrazos…

E porque, como di o autor, ás vitorias sóbranlles pais e as derrotas son orfas, quero despedirme coa portadora de boas novas que me lembra aquel libro de Ariel Dorfman, escrito co seu fillo Joaquín, A cidade en chamas, no que un mozo atravesa a urbe repartindo as malas noticias da maneira máis suave e empática posible. Ese si que é un oficio para valentes, máis que o dos militares que van á guerra ou a fan a distancia.

2 comentarios en “De libros e oficios

  1. Saúde, ta,én para ti. Foi sempre o ben máis necesario e iprescindible, pero agora converteuse en algo que está presente a cada instante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *