Soledad Penalta: implacable selección

As Letras da Arte. Maio (25 xullo)Eme Cartea. Estamos a falar de Soledad Penalta. Muller. Asidua na amizade. Artista en permanente expansión por camiños inexplorados. Creadora que, hoxe, domestica o aceiro ao ritmo afiado do plasma, da soldadura, a ensamblaxe, os pregues e a composición aditiva.

Unha creadora que amalloa o brillo das superficies coutadas coa negrume das insculturas, espazo expandido cara ao interior a tal caricia porosa, nunha superficie en progresión onde as siluetas humanas se expanden e apuntan talvez a un horizonte de utopías gozosas. Sole converte o volume en convexa metáfora da ausencia, que se impón como un deseño no ar, amoroso e á vez intimidatorio, álxido e asemade candente.

Soledad exercita esculturas xestuais, cun alto grao de improvisación razoada. Do real á suxestión, constrúe e interroga. Solda e maxina. Avanza e espera. Improvisa e inaugura. Nela hai coma unha declamación do espazo baleiro, interior. O baleiro como estado de posibilidade real, igual que na música o silencio entoa a súa mudez. É quen de involucrar corpos e escritura, láminas e palabras como posibilidade mesturada perante a indulxencia perforada e poética das superficies: un horizonte de liberdade poética que resalta o conxunto poliédrico da obra.

Penalta personifica unha apertura a formas vagamente recoñecibles pero con afán de transcendencia, propias da alegoría ou da metáfora. Converte a imposibilidade en algo factible, que se afana en existir, porque a súa apetencia é profundamente “expresiva” e non tanto emocional. Entre Marcel Duchamp (“A arte é a idea”) e Jean Dubuffet (“A arte é a novidade”). A súa escultura de hoxe en día, sen ser “deshumanizada” (Ortega y Gasset), tampouco é rigorosamente abstracta. Nela, home e muller aparecen neste caso como eco de palabra –escritura “plasmada”–, mais tamén como silueta humanoide e non naturalista. Un xeito de esculpir alleo á empatía ilusoria  de raíz romántica –que faría imposible a catarse correspondente–, que busca o distanciamento bertoltbrechtiano no que a obra se centra nas ideas e decisións intelectuais e razoadas. O transo da purificación vénlle, pois, ao espectador a través da mente, non do corazón.

Na escultura de Penalta hai sempre un sutil “suplemento de alma” capaz de inserir en nós retallos de realidade e abraio. Diálogo, pois, entre a abstracción evocativa e a intensidade da figuración, entre o puído brillante e a connotación textu(r)al, entre a nobreza do material e a tenrura da evocación poética.

Soledad Penalta, tan singular ou, en palabras de Luigi Pareyson, tan “formativa”: ao tempo que fai, improvisa metodoloxías, porque a súa obra carece de pautas previas e metas previsibles: realiza o seu propio canon a medida que ensambla caligrafías e sintaxes no aceiro, abrindo o “volume” a múltiples interpretacións; isto é, facendo camiño ao soldar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>