Cartas a unha lectora, a un lector (IV)

StreetPoems-880x290Pilar Sampedro. Fran Alonso escribiu no 2018, en verso. Comezaba “Se queres que os demais che digan o que tes que facer, non leas”, e tampouco se non queres que che digan o que tes que pensar; se non queres que a publicidades che diga o que tes que mercar, se non queres vivir coma un robot programado por outros… non leas,  porque a lectura é incómoda, revólveche a cabeza, ponte contra as cordas. Porque a lectura é rebelión.

Unha mensaxe moi clara e contundente, con frases potentes nas que ninguén se pode levar a engano. Pertence a esa poesía que o di todo e o di ben, que non busca a elipse senón o golpe directo ao peito e ao cerebro, busca espertar conciencias e desenmascarar a alienación. Ademais, ao final, é redonda: se non queres rebelarte, non leas. Desa maneira poderás facer o que che mandan, pensar o que che digan, consumir o que a publicidade che suxira, vivirás programado por un mando a distancia… Do contrario, se les, terás que pensar pola túa conta, facer o que determines porque serás consciente da responsabilidade dos teus actos (tamén cando fas o que outros che mandan)…

Ler é pensar, tomar man da propia vida e do destino, responsabilizarte como cidadán de cada decisión e as súas repercusións sobre a sociedade e o planeta. Ler faite independente, defendéndote de consignas e lemas, de publicidade e propaganda, porque  a lectura é unha maneira de estar no mundo.

Paco Martín escribiu a mensaxe para o marcapáxinas do ano 2014. Para el, a lectura é o código secreto que permite o acceso á sala de mandos da nave espacial, a escada de corda e táboas coa que abordar o bergantín para sucar mares ignotos na busca do tesouro, a estribeira na que apoiarse para cabalgar o alazán que te leva a horizontes promisorios, a fiestra ao ar vivificador que franquea os saberes, o pensamento diverso, a imaxinación, a descuberta de novos mundos, o espello do propio ser… A lectura lévate a todos os mundos representados nos xéneros (aventuras, piratas, ciencia ficción, vaqueiros…) pero tamén á ciencia; en resumo, o libro fai que descubras novos mundos e te internes no propio, que te coñezas a ti mesmo, a ti mesma, porque te atopas nas liñas e entre elas, no pensamento que te asalta cando pechas o libro, no que vas seguir lembrando, porque, quen non se estremeceu cada vez que lembra este comezo?:

“Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo. Macondo era entonces una aldea de 20 casas de barro y cañabrava construidas a la orilla de un río de aguas diáfanas que se precipitaban por un lecho de piedras pulidas, blancas y enormes como huevos prehistóricos. El mundo era tan reciente, que muchas cosas carecían de nombre, y para mencionarlas había que señalarlas con el dedo”

E aí quedou, para volver unha e outra vez, e levarche a Macondo, o universo onde a soedade dura cen anos e a poesía se funde coa vida.

Un comentario en “Cartas a unha lectora, a un lector (IV)

  1. Recordo que fai moitos anos, falando de libros díxenlle ao noso recordado Plácido que facía bastante tempo lera “Cien años de soledad” e que non me había gustado. Placido sorrindo díxome, “Magdalena, tes que volver a ler esa preciosidade de libro”. E así foi, fíxenlle caso, e hoxe en día ainda o releo de vez en cando.

    Todo canto puderon imaxinar os grandes creadores da palabra, non ten outra finalidade que a de nos mismos; a eles lles debemos parte do que somos, ou do que sabemos, incluso do que soñamos.
    Sócrates dixo aquilo de “Sólo sé que no sé nada” sin embargo poucas veces se acaba a sentencia que é a que encerra toda a sabeduría, ” “Sólo sé que no sé nada, y en esto aventajo a la mayoría de los hombres, que ni siquiera saben esto”.
    Para saber un pouquiño, hai que leer moitiño.

    Gracias Pilar, polos teus instrutivos artículos.
    Cariñosos saúdos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>