Un bo feixe de discos

64e4260d57afc73efdf0c7995ad88372_395Gonzalo Trasbach. Quere un empezar este comentario sobre este estupendo feixe de discos falando un pouco do último álbum que publicou un conxunto da nosa vila: Triángulo de Amor Bizarro, formado por Rodrigo Caamaño (voz, guitarra), Isabel Cea (voz, baixo), Rafael Mallo (batería) e Rubén Muñoz, “Zippo” (teclados e guitarra). O grupo vén de titular o quinto álbum da súa carreira co mesmo nome que o da banda e tamén o da súa ópera prima, debut que tivo lugar hai algo máis dunha década, aló polo 2007, ano no que tamén sacaron á luz “El hombre del siglo V” (Mushroom Pillow). Toda a produción musical (creativa e vital) dos boirenses xéstase no lugar de Portomouro, na parroquia de Abanqueiro, onde, instalados no seu laboratorio-vivenda, sobreviven ao paso do tempo, pese a todas aquelas voces que só lles auguraban un percorrido de tres telediarios, pois os consideraban coma unha tendencia viral máis nas tan loadas e amadas redes sociais.

Parece que o quinto disco dos boirenses amosa unha sonoridade máis pop que os anteriores, pero, con todo, contén todo o que se pode agardar deles: distorsión e reverberación, aínda que se explora unha nova paraxe sónica: certa melancolía núa. En suma, despois de catro anos, os boirenses conxuráronse para apostar pola emoción, pese a que seguen soando a rupturistas. As cancións semellan case todas diferentes unhas das outras. Así, vemos que van dende os latexos e berros cos que se abre Ruptura até o suspiro case animal que pecha Los golpes olvidados. En Acosadores cabe destacar os coros de Isa con Amalia Paniagua (Los Punsetes). Mentres que Folía de las apariciones, en medio dunha atmosfera romántica, evoca á Kate Bhus máis espectral. Un valor firme.

descargaKing Kruele (“Man Alive!”). Archy Marshall, nome que se esconde detrás de King Kruele, medrou entre rapeiros e delears, poetas malditos e persoeiros derrotados, nos suburbios do sur de Londres. Vive atrapado na grande metrópole coma se pode apreciar no primeiro treito deste álbum: enrabechado en Supermarché, e terrorífico en Comet Face ou en Stoned Again, ou perdido na soidade ou noutros vicios non recomendables. Pero atopa a redención na paternidade. A partir do momento en que se enteira de que a súa noiva de Mánchester está embarazada, todo cambia para el. De aí en diante pasa máis tempo na cidade da moza e a paternidade vaino cambiando por dentro, e deste xeito tamén vai penetrando nas súas composicións musicais a través de diversos elementos: a paisaxe, a luz dos días debuxados pola bruma urbana, e os detalles da vida cotiá. Estamos, sen dúbida, diante dunhas das grandes sorpresas deste ano horribilis.

fleeFleet Foxes (“Shore”). A beleza das pequenas cousas: o lume, os atardeceres, o aire…Aínda que moitos poidan pensar que isto soa a hippismo trasnoitado (paz e amor, irmáns!), como se burlan certos grupos ideolóxicos de dereitas e de esquerdas, o certo é que estes son os elementos cos que se tece o novo disco do colectivo de Seatle, co que regresan ao seu mellor estado de forma, nos anos de iniciar a súa carreira. Aquí, coma nos dous primeiros álbumes, aló polos comezos deste século, están presentes as harmonías vocais, os coros delicados e a querenza por un folk rock pastoral ou comunal.

whole new mess_angel olsenAngel Olsen (“Whole New Mess”). Pouco menos dun ano despois de “All Mirrors”, que terminou de colocala no cumio das demais voces femininas dun nivel semellante ao seu, está de regreso cun traballo que integran unha serie de composicións (11) gravadas en solitario pola cantante norteamaricana ao amparo dunha igrexa antiga. O repertorio contén pezas inéditas (algúns descartes do lote preparado para “All Mirrors”) e a interpretación de cancións que xa estaban incluídas no citado disco. Todo indica que ambos os dous son as dúas caras dunha mesma moeda.

81pxlAFDzhL._SY355_Fontaines DC (“A Heroe’s Death”). Este quinteto irlandés debutou  fai un ano con “Drogel”, onde soaban coma os embaixadores do novo realismo sucio de Irlanda e coma os retratistas dos residuos que deixou no Eire o naufraxio da grande recesión de hai unha década. Neste segundo álbum, os de Dublin só se dedican a coller a boa onda do seu debut para confirmar que teñen sobrepasado a fina liña que delimita a mocidade, representada en “Drogel”, e madureza. Con este “A Heroe’s Death”, os irlandeses desmenten a todos os que se empeñan en enterrar un ano si e outro tamén o rock&roll. Eles reivindican e revitalizan o poder catártico do rock, e fano a través dunha forte personalidade, á vez que evitan caer na tentación da pedantería.

O lado máis xovial de “Drogel” abre agora as fiestras a bucles hipnóticos, como se aprecia en I Don´t Belong, canción coa que arranca o disco, e tamén na que dá título ao mesmo, pero tamén abre unha vea romántica, como en You Said. Ademais da visceral ladaíña de A Lucid Dream, “A Heroe’s  Death” conta con momentos de serenidade e introspección, tal como en Oh Such A Sprig ou Sunny.

41DSgek03gL._SY355_Pechamos o lote co último disco dunha novacelandesa: “Designer” de Aldous Harding. Tiñamos coñecido a Hannah Harding, o seu auténtico nome, a muller nacida nunha localidade portuaria de Nova Zelanda, no 2017, ano no que publicou “Party”, onde levaba a voz  dende o murmurio até o alarido nun pestanexo. Pero o ano pasado sorprendeunos cun marabilloso “Designer”, onde reúne unha colección de cancións case felices e sorrintes, sobre todo no treito final , melodías luminosas e xoguetonas sobre o amor. O disco inclúe cambios de ritmo, viraxes estilísticas e unha enorme confianza no contraste vocal. É un álbum de constante festa diúrna, pero cuxo remate apunta na dirección de acabar só ou soa na casa pola noite.

4 comentarios en “Un bo feixe de discos

  1. Boas Gonzalo, alégrome de volver a verte por aquí!

    Si que un bo feixe si! Só escoitei o de TAB e sorprendeume moito (para ben). Só levo un par de escoitas pero está aí na lista para darlle mais.

    Do resto haberá que achegarse a eles.

    Saúdos!

    1. Bo día, amigo. Só agardo que polo menos che sirvan para experimentar. Que teñas un bo día, ainda que co tempo que temos e cos sustos que nos dan, pouco podemos esperar. Sorte e saúde.

  2. Moitas gracias, querida Magdalena. Seguramente non sería un bo mestre. Como di un amigo meu, teño demasiada “mala hostia” para selo.

  3. Entérome agora mesmo por ti, da existencia dese conxunto da vosa vila. Ben certo é que o que non está metido nas redes sociais, da sociedade non escoitamos nin os ecos.
    Moi bo artículo, xa me gustaría ser a alumna que non son, para un bo maestro coma ti.
    Unha aperta, Gonzalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>