O paxaro que non cortou as ás para ter imaxinación

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Carlos Cimadevila/X. Ricardo Losada/Xosé Manuel Lobato. (Texto co-escrito para a homenaxe a Isaac Díaz Pardo, coordinada pola asociación Alento esbravexo, no centenario do seu nacemento): Rumoréase por Rianxo que o día que Isaac Díaz Pardo baixou na praza de Castelao do coche que o levaba ao concello para ser nomeado fillo adoptivo da vila, unha pesca que estaba nunha das cafeterías da praza, tras ver aquel home de 88 anos, moi necesitado de axuda para desprazarse, e que non coñecía de nada, dixo: “Ese si que era un bo mozo para a duquesa de Alba”, facendo referencia ao amorío que a octoxenaria duquesa tiña por esa época cun home vinte e catro anos máis novo ca ela. E o rumor segue dicindo que cando un intelectual presente no momento da maledicencia, llo comentou con certa ousadía (pero tamén con coñecemento de causa da súa psicoloxía retranqueira) a Isaac Díaz Pardo, este, collendo, como facía moitas veces, o camiño que menos agardaba o interlocutor, espetoulle: Como aquel home do Castelao de Cincuenta homes por dez reás, esa pesca chámalle Pulex irritans a unha simple pulga.

Non ten moita importancia saber se a anécdota é real ou apócrifa. Esas cousas só lle interesan aos académicos e aos profesores universitarios, e creo que ninguén negará que ese era o mundo que menos lle interesaba a Isaac Díaz Pardo. O decisivo é que esa anécdota acerta plenamente (por iso nos fai sospeitar que é falsa) en dous aspectos que marcan os límites norte e sur da actividade intelectual, artística, empresarial e política do noso homenaxeado. Por un lado, o compromiso de non desilusionarse coa incultura e a ingratitude do pobo con aqueles que máis loitan polo seu benestar e, por outro, o compromiso de reivindicar, transformándoos, os valores máis tradicionais dese mesmo pobo nas figuras, como Castelao, que souberon extraer a súa máis nobre esencia. E mostra tamén outro trazo da personalidade de Isaac, a humildade, que todos os que se acercaban a el agradecían, pero que non acababan de crer. Non era posible que quen dedicara toda unha vida a construír un sentimento galeguista que partía dunha dolorosa experiencia persoal (un pai paseado) e colectiva (varias xeracións perdidas), para elevarse a un entusiasmo minoritario e profético, pero compartido aquí e ao outro lado do Atlántico, carecese dese ego forte e dese espírito indómito necesarios para levar a cabo unha aventura tan arriscada e intempestiva. Non importa. O decisivo no caso de Isaac é que as súas obras (desde Sargadelos ata Edicións do Castro, pasando polo Laboratorio de Formas e o IGI) son tan inmensas e tan innovadoras nunha cultura como a nosa, que as cuestións psicolóxicas pouca importancia teñen. O único, quizais, que podería dicirse nese aspecto (e esa é, cremos nós, a razón da súa inmensa popularidade e da súa capacidade de transcender o espectro político á hora do seu recoñecemento póstumo) é que era un exemplo paradigmático desas personalidades únicas que atravesan como faros a historia do seu país porque están dominadas polo pesimismo da intelixencia e o optimismo da vontade.

Moita xente en Rianxo non sabe que fixo Isaac Díaz Pardo, máis alá dunha figura que hoxe loce ante unha das entradas do auditorio municipal, ou dos libros que lle publicou na súa editorial a moitos rianxeiros, para ser nomeado fillo adoptivo da vila. Pero, se o tivesen a ben, explicaríallo o seu veciño máis famoso, ese que tanto reivindicou Isaac, recordándolles aquel home de Cincuenta homes por dez reás que parecía Don Quixote e prestaba diñeiro ao doce por cento. Isaac, diríalles Castelao, era o home que prestaba diñeiro para ser Don Quixote.

3 comentarios en “O paxaro que non cortou as ás para ter imaxinación

  1. E quen non ten luces e sombras nesta vida ? aquel que só pensa que ten luces, é síntoma de que ten mala memoria.
    Seguro que dende onde se atope (e ignorando o rigor protocolario que se procura no éter) eu penso que mandará un sorriso de agradecemento aos tres.
    Eu sí, podo podo facelo por vía máis normal.

    Tres sorrisas agradecidas por ese paxaro que non cortou as ás para ter imaxinación.

  2. Máis alá das anécdotas, o importante é que Carllos, Lobato e un servidor
    compartimos admiración por Díaz Pardo, e que era unha figura que, máis
    alá das súas sombras e das súas contradicións, que tiña como todo ser humano,
    asumiu unha visión transversal de Galicia moi na liña de Castelao e do grupo Nós.
    Unha visión que hoxe necesitamos máis ca nunca. (Manifesto aquí, por suposto,
    unha opinión persoal).

    UN saúdo e moitos ánimos

  3. Muy buena anécdota para mi colección. Como con los cromos, os regalo otra: “Emilia de Chatélet, que vivía en forma marital con Voltaire, es sorprendida por éste en los brazos de un caballero llamado Lambert. Indignación del filósofo y explicación de la señora:
    La salud de Voltaire no soportaría la actividad amorosa que ella, Emilia, necesitaba y podría morir por ello, lo que a su vez, provocaría la muerte de Emilia de pena. Ahora bien, esos transportes sexuales que acababan con la vida del escritor son, sin embargo, necesitados para ella, Emilia, pueda vivir. La solución del amante salva al mismo tiempo la salud de Voltaire y la suya propia.
    El biógrafo de Voltaire explica que, ante estas razones, Voltaire no tiene más que rendirse y sólo pidió que “ya que es necesario que ocurran, al menos que no ocurran ante mi vista”.
    Unha aperta palmeirana para os tres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *