Limiar Anuario Barbantia 2020

barbantia-2020-anuarioX. Ricardo Losada. O día que me recordaron que tiña que escribir o limiar deste anuario estaba lendo o facsímile do primeiro número de Nós. Boletín mensual da cultura galega que o xornal Nós Diario publicou o mesmo día, o 30 de outubro, que saíra o orixinal en 1921. Cumpríanse cen anos do comezo dunha aventura intelectual e política, no mellor sentido da palabra, que eu admiraba moito. É fácil entender por que lendo o prólogo, Primeiras Verbas: “É a ansia qu´oxe sinte Galizia de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia lumiosa do mañán, o que nos fai sair. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e o xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó cumprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d´integración da Patrea galega no seu xa rico polimorfismo” .

     Como é un tema de máxima actualidade, e non creo nas casualidades, decidín falar neste limiar desas primeiras palabras da conciencia cultural galega. Pero, como me adoita pasar, en canto souben de que ía falar, comezaron na miña cabeza os conflitos intelectuais, case sempre en forma de loita de opostos para, deseguido, buscar ese perigoso pero fértil terreo da matización.

      Neste caso, o primeiro oposto era a idea de que me debía limitar a copiar, unha a unha e na mesma secuencia, esas primeiras verbas escritas hai cen anos coa mesma intención coa que Borges escribiu Pierre Menard, autor de El Quijote, pois esas mesmas primeiras palabras escritas por min e lidas por un lector do século XXI serían unhas primeiras palabras moi diferentes. Pero axiña me decatei de que aínda sendo certo que inevitablemente serían unhas palabras diferentes, e non só porque o galego da época nos dificultaría a lectura, e non só porque o uso de palabras como Raza ou ser verdadeiro e inmorrente nos parecerían pouco apropiadas ou excesivamente solemnes, tamén me decatei de que o máis probable sería que nos parecesen as mesmas palabras. Ao fin e ao cabo, aínda hoxe, cen anos despois, vivimos co imperioso deber social de crear para sempre (aínda non está garantido) a cultura galega.

     O outro oposto, moi propio da miña dinámica mental e intelectual, sería intentar desmitificar esas Primeiras Verbas, comezando por unha crítica aos puntos débiles que, como todo texto e como toda opinión, había de ter. Loxicamente, que detrás desa revista estivesen personalidades da talla de Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Cabanillas ou Losada Diéguez, lonxe de intimidarme, estimulábame o meu espírito desmitificador. Estou convencido, creo que é a base do espírito crítico, que quen mitifica unha idea ou unha personalidade convértese nun crego ou nun profeta, e que quen as desmitifica, nun intelectual, outra vez no bo sentido da palabra. Aos primeiros, Castelao chamaríalles homes que traballan por non traballar, ou homes que son abreviaturas, estratos, esencias, resumes, pois mitificar evita pensar, ese encordio para o sono, o resto da túa vida.

     Por suposto, optei por cumprir co meu deber. Desmitificar. E con esa intención lin o resto desas primeiras palabras. Resto que agora resumo en breves telegramas:

     Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete. Só deben cumprir un requisito: estar orgullosos de seren galegos. (Nada que desmitificar)

     Nós ama tanto a tradición galega como os valores novos que están a xurdir nos nosos tempos. (Nada que desmitificar).

     Nós representa a personalidade galega na súa ansia de se afirmar como valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fóra da terra. (Nada que desmitificar)

     Nós quere relacionar o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos sen intermediarios, abrindo as súas páxinas a personalidades doutras culturas e dando a coñecer aos galegos os movementos culturais doutras latitudes. (Nada que desmitificar).

      Nós está convencida de que este proxecto vai triunfar por sermos galegos e por seren o Tempo e o Mundo quen o piden. (Nada que desmitificar).

     Nós conta achar agarimo e xenerosa axuda en todos os que pensen o mesmo. (Nada que desmitificar).

      Non hai ningunha dúbida de que os promotores da revista Nós ben poderían denunciarnos por plaxio aos promotores do anuario Barbantia pois non outros son os nosos obxectivos, tomando o Barbanza como o que realmente queremos que sexa, unha sinécdoque de Galicia. Por iso, non creo que haxa mellor limiar para este anuario que aquelas primeiras palabras da revista Nós, esas palabras que vos acabo de ofrecer como un facsímile do seu espírito.

 

 

2 comentarios en “Limiar Anuario Barbantia 2020

  1. Prezada Magdalena:

    Ano novo, a Magdalena de sempre. Alédame comprobalo.

    Grazas polas túas palabras. A miña mente tende á desmitificación
    (por iso o humor e a ironía me parecen esenciais), pero iso non me
    impide ver a importancia dos mitos e, sobre todo, que non podemos
    vivir sen eles. Máis alá diso, o proxecto cultural do grupo Nós é puro sentido
    común. E o sentido común é inmune aos virus (perdón pola palabra)
    desmitificadores.

    Sigo sen crer nas casualidades. Prefiro pensar miticamente: Teu pai naceu nesa data para ser o bo galego que foi.

    Felicísimo ano para ti e para todo o Café Barbantia!!!!

  2. ¡Vaia! póis xa vexo que non houbo nada que desmitificar. Eso é o señorío, defender o sitio de cada un respectando a defensa do sitio dos demáis, cando lóxicamente, non hai nada que alterar.
    Por suposto, que cumpristes co teu deber. O respecto pola verdade allea e máis un principio que unha obriga.
    Eu sí creo nas casualidades, e aquí xa me atopei con unha. O día 30 de outubro do ano 1921, cando comezou esa “aventura intelectual e política” naceu mue pai, un bo galego.

    E agora déixote que me espera un día de traballo, e xa sabes que a cociña mala por causa da présa non ten posibilidade de amnistía.

    Biquiños palmeirás e BOAS FESTAS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *