María Xesús Blanco. Era a terceira vez que empezaba un curso de natación. Non era quen de manterme a flote nin un par de segundos. Dende nena, ti ben o sabes, sinto pavor ao mergullarme na auga dende aquela caída. A primeira vez anotoume papá. Aínda estaba no instituto. Claro que daquela atopaba cousas máis interesantes que facer e andaba por aí de festa en vez de ir á piscina. Lémbraste? Así e todo, no verán sentía moita envexa ao verte a ti, e aos primos, nadando e facendo pinchacarneiros no salto do río. A segunda vez fora o ano pasado. Tocárame unha profe ben xeitosa. Ela decatárase de contado do meu medo ás profundidades e preparaba exercicios sinxelos tentando transmitir seguridade. Pero o traballo na tenda non tiña fin e de súpeto a enfermidade do noso pai complicouse. Asemade as cousas con Brais xa non ían ben. Logo veu o irreparábel: a perda de papá. Ti ben sabes que estabamos moi unidos e o mal que o pasei. Curiosamente fora el, tamén, quen me animara a ir ao curso. Pero non hai dúas sen tres. Así que somerxida de cheo neste inverno interminábel tentei levar adiante o vello propósito. E, non creas, tampouco estaba moi segura de que agora fose o mellor momento. A luz do sol esváese axiña e o que me apetece cada día é meterme embaixo dunha manta, ao volver do traballo, e non saír ata o día seguinte. Pero as paredes do apartamento pesan moito. Así que aquí estou. Respirando ese olor a cloro que se pega aos poros da pel durante horas. Coas mans engurradas e esa humidade morna que te molla toda antes de poñer o pé na auga. E dígoche de verdade que non lle vexo graza ningunha a conter a respiración, como facías ti cando querías asustarme para obrigarme a entrar no río. Como aquela vez que esvarei, caendo na beira que non facía pé, e todos pensaron que estabamos competindo para ver quen aguantaba máis embaixo da auga. Logo nos vestiarios toda a rapazada e as súas nais, as adolescentes, as señoras maiores da última quenda. Tamén os que van por libre nas saídas das duchas, maiormente mozos, que da gusto velos nadar a unha velocidade de vertixe e que agardo non reparen en min nin un segundo flotando enriba deses cabaliños de goma. Os primeiros días miraba unha e outra vez o reloxo da parede. Corenta e cinco minutos que semellaban catrocentas cinco horas. Sentíame tan ridícula. Xúroche que rezaba por non atoparme a ninguén coñecido. Pero agora estou contenta. O profe é atento. Fala pouco pero o necesario para transmitir confianza. É un tipo novo, polo menos máis ca min, de mirada amábel ao que lle sentan ben as camisetas de algodón. Non te imaxinas o torpe que me sentía as primeiras veces. Custábame concentrarme. No pensamento papá, a ruptura con Brais, as facturas interminábeis na tenda. Repetíame unha e outra vez: mañá non volvo. Pero ao mesmo tempo percibía cada día un pequeno avance. Ata que unha tarde me vin no medio da piscina mirando o teito mentres os brazos conseguían manter o equilibrio e o meu corpo fluía paseniño. Coma hoxe, que conseguín facer o percorrido completo. Había moito alborozo polo campionato dos máis pequenos. Mirei as gradas e estaban cheas de nais e pais que miraban aos seus cativos e cativas como se fosen os mellores nadadores do mundo. E non o vas crer, seino, pero vin a papá alí sentado. De verdade que estaba. Mirándome. Tranquilo. Satisfeito de que ao fin conseguira manterme a flote.
Grazas polas túas palabras Magdalena!! Alégrome que che guste!! Saúdos ribeirenses!!
Moi bonita entrada, María Xesús.
Eu tamén aprendín a nadar despóis de casada, pero a cabeza aínda hoxe mantén a dignidade no ámbito da flotación; son incapaz de romper a quietude da auga meténdome por completo nela.
Enhoraboa por facer ese percorrido completo.
Despídome cunha frase de Bias: “El saber es la única propiedad que nunca se pierde”.
Cariñosos saúdos palmeiráns.