Interferencias produtivas, Experiencias de creación artística, aprendizaxe e investigación cooperativa

Exposición Artes 2010
Maio Vintage Market, Boiro, 2013. Organización, Creaturas. Foto, Pascual Vidal.

Lucía Romaní. Resulta sorprendente a eclosión de colectivos, grupos de traballo, plataformas ou redes locais, que están a formular nos últimos anos outros modelos de organización, relación e xestión máis transparentes, autónomos e indepen-dentes, cuxa actitude de compromiso coa sociedade é visible nas súas maneiras de facer, redistribuír e relocalizar os recursos. Ante un escenario como o actual, estes grupos parecen promover unha cultura viva, participativa e democrática representada non soamente nas fases do proceso creativo, dende a creación ata a difusión, senón tamén na formación en ámbitos meta-artísticos, coma o educativo e pedagóxico, sociopolítico ou ambiental. Lanzan proxectos que son resultado de procesos colaborativos, sinerxías e traballo en rede, mantéñense alleos ou á marxe das institucións, formalizan un traballo interdisciplinar que implique a comunidade a través de formatos cooperativos, etc. Se como sinala Marx “a transformación do mundo é unha acción”, puro dinamismo feito de anacos en contacto, de vínculos interpersoais que acontece de costas á orde política, esta ten lugar a través destas redes, colectivos e movementos sociais que intentan construír camiños para a emancipación social.

Na comarca da Barbanza atopamos diversas iniciativas que comparten intencións, miradas, conceptos, metodoloxías de traballo e, sobre todo, unha actitude crítica dende o traballo co territorio, co lugar. É o caso da editorial Axóuxere, con sede en Rianxo, onde leva a cabo un programa de residencias artísticas para escritores, ademais de desenvolver un traballo de investigación, pensamento e edición independente; o colectivo Marearte, que federa proxectos como o “Festival Audiovisual Olloboi”, ou a innovadora obra de teatro “Amores Prohibidos 2.0”, en colaboración con Chévere e redenasa.tv. Recentemente xorde Creaturas, plataforma integrada por un grupo de creadores procedentes de diversos ámbitos do coñecemento e con preocupacións profesionais diverxentes que iniciaron a súa andadura co “Maio Vintage Market” a pasada primavera, ou Arte Barbanza, plataforma dixital de difusión de artistas e espazos culturais independentes. Estes proxectos descentralizados e periféricos, con fronteiras moi permeables, están a crear unha rede de dinamización social que traballa dende o local ao global, e viceversa.

En resumo, é necesario ter en conta estas experiencias emerxentes posto que, aínda sendo minoritarias, están a abrir un universo de posibilidades, ao mesmo tempo que son síntoma dunha transformación social no tocante a produción cultural e artística.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *