Jatomicho

gato-U30167926376zeF--1968x1216@La Verdad-LaVerdadMauricia Ces Quintáns. Non sabía que era un gato. Facía cousas de felino. Por exemplo, tentaba ruxir, e miaba. Descartado tigre, a pesares de lucir traxe de raia diplomática, negra, sobre fondo agrisado, e darse aire de embaixador plenipotenciario. Faltáballe a melena; tampouco non semellaba tan fero como pintaba, así que, non podía ser león. Non pola fereza, pois sen ser pomba, posúe un carácter exaltado: esixe, coma un coronel á tropa, comida, rápida, ao instante. Aínda que conserva reminiscencias selváticas: axilidade de pantera, andares de leopardo, nunca amosou interese pola caza. Non se lle apreciaba ilusión polos ratos nin manifestaba o mínimo interese polos lagartos, as toupas ou os paxaros. Prefire cazar no prato.

Os ollos son felinos, pero de gato. De pupilas azuis, porque vive fronte ao mar e pegóuselle da auga. Se vivira na sabana poderían ser verdes ou pardos. Non é o caso.

O caso é que non tiña nome. Por aquilo de gardar as distancias non foi nomeado, cando, pola contra, os seus familiares levaron nomes de debuxos animados: Sinchán, Himawari, Maggie. Black, o negro de ollos verdes, dáballo a cor, máis claro auga. Tal vez por iso non se sentira identificado e non se lle desenvolvían as propias calidades.

Despois da cerimonia, un día calquera, adquiriu outros modais. Adoptou novos costumes: pasea pola horta, escala os pexegueiros, afía as unllas na sobreira, enrédame nas pernas, non sae dos zapatos; cando fai bo tempo, dorme a sesta debaixo da garneira que hai xunta o carballo. Colleu outra confianza. Actúa coma un gato de andar pola casa. O ordinario. Agora, Jatomicho, sabe que é un gato. Ten nome redundante.

2 comentarios en “Jatomicho

  1. Bonitos nomes, Magdalena. Raros… Espero que non estarán casados… Non me estraña o de JM, son moi absorbentes. O meu, (del), está moi so. Sería feliz contigo. Será o último da saga. Maggie, a cabeza da estirpe, aparecen iso: decapitada. A filla, morreu de preñez descomunal. A última, desapareceu. En fin. A vida. A selección natural.
    Apertas, Magdalena. Soña bonito. E grazas

  2. Os nosos, son todos eles “Miki” ou Mikola” e pluralizo porque aquí sempre os tivemos a pares. Adoptei fai anos a unha gatiña que tiña un só ollo ( apareceu debaixo da figueira ) e logo foi moi prolixa en prole. Xa sabes que os gatos afánanse na tarea da procreación moi ben, e logo aparécenche con nutrido cortexo tras deles.
    J.M cando me ve arredor deles, ponse a remedar o canto do canario, para demostrar que está que trina.

    Encantada de verche por aquí novamente, Mauri. Un pracer lerte.
    Biquiños dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *