Palabra escrita, palabra dada?

mujer-de-espaldasMarina Losada Vicente. Pareceume un comentario cruel. O peor, que estaba dirixido a un sector de mulleres castigadas, sen autoestima, feridas. A miña reacción foi a de ignorar á veciña coa que ía camiño da amizade. De non telo lido, non pecharía esa vía. De non telo lido? Estou discriminando a palabra impresa? Como chegaría eu a saber o que pensa Asum se non publicase? Pode ser boa xente, e polo tanto, boa amiga, alguén que dá tales consellos? Son prexuízos meus?

Pregúntome a cantas persoas trato, que pensen da mesma maneira, das que non gardo distancia algunha. Cada quen ten dereito de publicar o que queira, non? Receita a súa propia menciña, asegura, aínda que os seus problemas son ben distintos. Ególatra? Mantería o discurso en vivo e en directo ou será unha pose?

Acabo tropezando con ela. Míroa aos ollos. Algo rompeu en min desde que a lin. Deséxolle bos días e continúo o meu camiño. Non será hoxe cando pregunte se pensa que as doenzas da muller, que acaba de recibir unha malleira, sandan falando co seu “Xesús”, que escoita e remedia, que cura e devolve a felicidade perdida. Non teño forzas. Quizais algún día.

4 comentarios en “Palabra escrita, palabra dada?

  1. Estou completamente de acordo contigo, querida Marina. A axuda desde fora é moi necesaria, pero moitas veces os que están no outro lado da porta descoñecen a impudicia dun ser que na calle representa a outra fase, a outra cara, coma a lúa. Na rua, aparecen coma un cuarto menguante simpático, para logo crecer na casa coma unha lúa chea, chea de maldade.

    Nunha carta don Francisco de Quevedo a un amigo dicíalle: “Aquí en la Villa y Corte el enemigo no viste peto y morrión, sino toga, sotana y jubón de seda, y nunca ataca por derecho, sino emboscado”.
    Ben, así mesmo, emboscado, atacan os maltratadores. Por iso hai que abrir esa porta dende dentro a maior brevedade posible e actuar como ese porco bravo, o xabarín. Como dicía onte, hai que tirar e empurrar a porta da liberdade.

    Moitos biquiños, apreciadísima Marina.

    1. Sei que coincidimos en que fai falta axuda externa, Magdalena. O caso é que acertes en que porta a pides. Aínda hoxe se escoita que “hai que aguantar”, “que os homes xa se sabe”… mesmo na propia familia. Por estar acostumada, non acabo de entendelo, pero ocurre. É difícil ter axuda á primeira, porque non hai peor cego que o que non quere ver. Agora ben, que a alguén que non parece que lle afectase a pandemia do maltrato, se poña a recomendar que fales con “Xesús”… Non teño capacidade para entendelo. Bicos.

  2. Bos días, querida Marina:

    Hai duas palabras que abren moitas portas… tire e empuxe.

    Disque o xabarín cando está ferido é moi perigoso. Eu penso que todas as que reciben malleiras deben empuxar esa porta. Nunca é tarde.

    Moitos biquiños dende o bonitiño lugar de Palmeira.

    1. A muller maltratada é difícil que actúe como un xabaril, entendo eu. O maltratador, un cobarde mírese por onde se mire, acostuma a deixar as portas ben atrancadas e non chega con empuxar desde dentro. Algúen debe de facelo desde fóra. E ese alguén debera aportar solucións físicas en primeira instancia. Bicos, Magdalena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *