Jose Lires. Moitas das paisaxes vividas e gozadas ao longo dos anos seguen a soportar dignamente as acometidas do tempo, e permiten aínda agromar aquelas sensacións pracenteiras froito dos momentos pausados das primeiras visitas. Outras, pola contra, non correron a mesma sorte.
Non hai espazo para a improvisación, todo ten un protocolo: achegarse ao punto determinado, sentar no artefacto e tirar a foto, a poder ser dende atrás para que saia o banco en primeiro plano. A mesma instantánea vaise reproducir nos móbiles dunha ducia de guiados, pero impacientes, visitantes ese día.
Lecturas críticas
Estas actuacións puntuais suscitan lecturas críticas e cuestións de resposta múltiple segundo a sensibilidade do interlocutor. Os máis despreocupados agradecerán a posibilidade de sentar comodamente e gozar dunha escena programada de 180º, iso si, tensando ao máximo os músculos do pescozo para acadar o rango de visión sen despegar o cu do banco. Pola contra haberá quen se rasque a cabeza intentando atoparlle sentido a ese moble no medio dun cantil costeiro, ou no alto dun monte chantado sobre un afloramento rochoso que, de por si, ofrece as mesmas prestacións sen interromper a naturalidade da contorna. Unha perda da estética a favor da comodidade. Eu son un destes últimos. Un rosmón!. A miña eiva lévame a desconfiar de actuacións na paisaxe defendidas mediante a fórmula universal de «posta en valor», máis que nada porque, inevitablemente, no segundo membro da ecuación aparecen como termos os danos colaterais. Por suposto o meu desacougo vai en proporción ao lugar elixido para o experimento.
Outra das intervencións máis replicadas son as recuperacións de sendas fluviais nas proximidades dos núcleos urbanos. En certo modo pode defenderse a lexitimidade da cidadanía ao reclamar o uso destes espazos de transición entre o medio urbano e o rural como lugares de lecer. Porén, o pretendido uso escénico da contorna fluvial debe garantir a non afección aos elementos e procesos naturais que actuaron, e actúan, no medio. Poñemos en valor e erramos ao destruír a vexetación de ribeira que, ademais da súa función ecolóxica, evita a erosión natural das abas; erramos cando co afán de crear un camiño chan e perdurábel pavimentamos con materiais duros impermeabilizando o solo; en resume: volvémonos insensibles aos valores naturais e procuramos a calidade escénica baixo unha óptica totalmente antropocéntrica.
Moitos desatinos que adulteran as características do medio físico e perceptivo dificultando a lectura clara das paisaxes. Tal afastamento dos principios de protección, conservación e mínima intervención ofrecen como resultado a domesticación das contornas naturais, como vimos facendo dende que asaltamos a dirección do planeta. Así nos vai.