Hamnet, de Maggie O’Farrell

9788417977580Xerardo AgraFoxo. A tradición literaria afirma que Hamlet, a máis influente obra de Shakespeare, polo retrato que realiza do odio, a ambición e a corrupción, está baseada na historia dun príncipe que viviu durante o medievo en Helsingor, pero Stephen Greenblatt, o gran estudoso do bardo de Stratford, di que esta traxedia está relacionada coa morte de Hamnet, o único fillo varón do dramaturgo morto por unha pandemia. A esta tese acóllese Maggie O´Farrell, tal como di na primeira páxina desta novela: Na década de 1580. Unha parella que vivía en Henley Street (Stratfort) tivo tres fillos: Susana e Hamnet e Judith, que eran xemelgos. Hamnet, o neno, morreu en 1596 aos once anos. Catro anos máis tarde seu pai escribiu unha obra de teatro titulada Hamlet.

Coñecía desta autora irlandesa La extraña desaparición de Esme Lennox (2007) e Instrucciones para una ola de calor (2013), dúas novelas de ampla repercusión no seu día. Con Hamnet (2021) mergúllase nun terreo máis esvaradío, pero do cal sae indemne grazas á súa arte para recrear a vida de Shakespeare, citado nestas páxinas con outros nomes, como «o pai» ou «o mestre», e, sobre todo, para retratar a súa dona, Agnes Hathaway, a quen dota dunha forte personalidade, un espírito libre e mesmo con habelencias case sobrenaturais, pero que non lle valen para evitar a traxedia de Hamnet, a quen amortalla coas súas propias mans.

As páxinas que O ´Farrell (Corelaine, 1972) lles dedica á morte do fillo ou á estrea da Hamlet son unha proba palpábel da mestría desta escritora, textos onde o afecto e a dor, a tenrura e a traxedia conviven grazas a unhas extraordinarias dotes literarias.

Un comentario en “Hamnet, de Maggie O’Farrell

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *