Xerardo AgraFoxo. A costa norte de Sardeña destaca polas costas escarpadas, as cativas praias de área fina, as chairas perfumadas polo maquis, as «nuragas» prehistóricas e os enclaves de Porto Cervo e Porto Redondo, onde veranea algún personaxe controvertido e decadente da sociedade italiana. Estes dous focos turísticos da Costa Esmeralda foron creados, a partir dun investimento inicial de 1.000 millóns de dólares, por un consorcio de empresas lideradas polo millonario e carismático príncipe Karim Aga Khan IV.
Pero para outro tipo de viaxeiros, na cativadora chaira de Logoduro consérvase un magnífico conxunto de igrexas románicas. Curiosos templos saídos do encontro entre pisanos e xenoveses coa tradición local agromada tras a caída do Imperio Romano. Semella difícil determinar que igrexas desta contorna foron creadas por artesáns locais ou por artistas chegados da península, porque todas conservan os seus sinais de identidade. Entre elas sobresae a Santíssima Trinitá di Saccargia, erguida polos monxes camalduenses que contrataron obreiros toscanos. O seu campanario de 41 m., as fileiras de placas en branco e negro da fachada e unha nave única adobiada con frescos atribuídos a artistas pisanos, converten a este templo nun senlleiro exemplo da arte románica na Sardeña.