Un franciscano da Pobra, en Xerusalén

BY29P1F1_195524Pastor Rodríguez. Hilarión Baamonde Sanmiguel, así asinaba, naceu na Pobra do Caramiñal o 21 de outubro de 1877, fillo de Emilio Vaamonde Abal e Socorro Sanmiguel Mariño, ambos os dous do mesmo termo municipal. O 31 de xullo de 1894 tomou o hábito de San Francisco en Compostela e foi, durante varios anos, misioneiro en Xerusalén, onde chegou a ser Discreto da Santa Custodia. Colaborador de El Eco Franciscano, tivo sona como orador sagrado e imprimiu, cando menos, dous dos seus sermóns en Barcelona no ano 1909: Solemne Vía-Crucis predicado en la Vía Dolorosa de Jerusalén a los peregrinos españoles el 17 de Mayo de 1907 e o titulado Sermón de las Siete Palabras predicado en la basílica del Santo Sepulcro a los peregrinos españoles el 28 de Marzo de 1909. Aínda que os repertorios galegos o inclúen, os datos xeralmente proceden dun erudito franciscano, F. Ferrando y Arnau e da súa obra Apuntes históricos relativos al Colegio de PP. Misioneros Franciscanos de Santiago, dende 1856 a 1896, publicado en 1916. É unha figura máis das letras franciscanas do Barbanza, a carón do seu conterráneo Hermo Fidalgo, o sonense Rodríguez Pazos, Manuel Suárez Lorenzo, de Boiro; os rianxeiros Santiago Agrelo Martínez e Luís Iglesias González ou o noiés Luís Rodríguez. Dende a Idade Media a presenza dos discípulos do santo de Asís foi forte no Barbanza. Falece en 1954, con 77 anos no convento de San Francisco de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *