Vivir

descargaÓscar Reboiras. Poucas veces tiven unha sensación así: avanzar polas páxinas dun libro coa placidez dunha mar en calma a comezos de xullo e, de súpeto, faltarme o alento, sentir na boca do estómago unha puñada que me desgarraba e me retorcía as entrañas. Por iso quero falar de Los chicos de la Nickel, de Colson Whitehead. Por iso e porque estes días volvín ter ese resaibo amargo. Lembreime do libro nada máis ver as noticias. En distintos internados católicos de Canadá apareceron máis de 1.000 tumbas sen nome de cativos indíxenas. Calculan que esa cifra se pode multiplicar por seis. Números aterradores que ocultan só parte dun drama atroz, porque separaron a máis de 150.000 nenos das súas familias. Si, a rapaces indios aos que se lles supoñían costumes un tanto salvaxes. Que mellor que endereitalos apartándoos da súa cultura, tirarlles das orellas ou lavarlles a boca con xabón se empregaban a súa lingua, obrigalos a falar inglés ou francés e convertelos ao cristianismo.

Semella unha novela de ciencia ficción ou algo propio de hai séculos, pero estamos a falar dunha práctica que rematou en 1998. Cos nenos incluso chegaron a realizar experimentos de nutrición, consistentes basicamente en alimentalos co mínimo e que pasasen fame.

Todo isto, como digo, tróuxome á memoria o libro de Colson Whitehead. Leo moito thriller e moita novela negra, co cal non é o tipo de obra que de boas a primeiras me chame. Menos mal que aí está Celia, da libraría Ben de Rianxo, para salvarme de tanta literatura de evasión e ofrecerme outra máis coidada, máis elaborada e tan ou máis inquietante que a dunha novela negra. Porque Los chicos de la Nickel é unha novela tan sutil e tan fermosa ao inicio, que a labazada posterior, por moito que a agardaba, me deixou coa cara abaneando.

Colson Withehead, premio Pulitzer por 'Los chicos de la Nickel': "Si Trump vuelve a ganar, mucha gente morirá"E o caso é que Whitehead escapa do fácil. A novela está baseada nun reformatorio de Florida no que atoparon en 2014 (si, non hai tanto) os corpos de 80 mozos soterrados no xardín. Eu de seguro que sería máis macabro, que me pararía nos detalles, que crearía frases centradas nos sentimentos e nas sensacións das vítimas… Pero por sorte Whitehead é un escritor con clase. Detense o xusto e o necesario no peor do ser humano. Contense moito en determinados momentos e fálanos sobre todo de Elwood Curtis, un bo estudante que vive coa súa avoa pero ao que meten nun internado.  En concreto na Nickel, onde separan os alumnos brancos dos negros (estamos na década dos 60) e onde os castigos e as desaparicións dos rapaces están á orde do día.

Non vou afondar máis na obra. Creo que o mellor é transcribir algunhas frases:

  • “Aos mozos chámanos alumnos, non reclusos, co fin de distinguilos dos delincuentes violentos que poboaban os cárceres. Os delincuentes violentos, engadiu Elwood para si, estaban no cadro de persoal”.
  • “E pensar que na Nickel, pola noite, non se oía outra cosa que pranto e insectos; como podías durmir nun cuarto con sesenta mozos máis e aínda así comprender que estabas só neste mundo. Rodeado de persoas e ao mesmo tempo sen ninguén arredor”.
  • “O mundo seguía a darlle instrucións: Non ames a ninguén porque desaparecerá, non confíes en ninguén porque te traizoará, non te levantes e te enfrontes porque te moerán a paus”.
  • “Sobrevivir non é suficiente, tes que vivir”.

Oxalá estea preto o día na que este tipo de sucesos só formen parte do argumento dunha novela. Mentres, toca mirar de fronte a realidade e recibir con intensidade o seu lategazo. O contrario implicaría conformarnos cun mundo deforme e infrahumano.        

2 comentarios en “Vivir

  1. Bos días, Oscar:
    Apuntaréi o libro. Eu estou lendo “Allegro ma non troppo” de Carlo M. Cipolla. Moi recomendable.
    Que teñas un bo día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *