O embruxo vén do outro lado do Ulla

a0407855707_10Gonzalo Trasbach. “Embruxo” é o segundo álbum do proxecto musical bautizado como Baiuca (establecemento de servir bebidas, xeralmente de carácter modesto e popular. Taberna, tasca. Segundo di o Dicionario da Academia Galega) de Alejandro Guillán (Catoira, 1990), que se estreara na escena nacional co formidable “Solpor”. Neste novo traballo a música tradicional galega e celta vese transfigurada a golpe de sintetizadores, de elementos electrónicos, xerando unha atmosfera sónica que embruxa a quen se quere deixar embruxar, sobre todo. Hai neste disco unha aproximación dende o que se deu en chamar “folktrónica” até as ribeiras dun certo misticismo galego, un río ateigado de meigas e que ao mesmo tempo pode conectar coa mellor poética da obra de Rosalía de Castro. Neste senso, coidamos que “Embruxo” encaixa mellor coa tradición celta que “Solpor”, o traballo co que o de Catoira arrincou a súa andaina coma Baiuca.

Hai neste “Embruxo” sons de vellas percusións (algunhas mesmo influídas polas órbitas africanas), e unha presenza de magníficas voces femininas que parecen xurdir do fondo de bosques frondosos, bosques doutros tempos, acompañadas dunhas pandeireteiras dun rotundo axouxeo de rabos de cobras do deserto. Xosé Luís Romero é o encargado destas diabólicas percusións, que nos lembran ritmos tribais en noites acendidas pola calor. A todo isto dálles unha relevancia sonora especial, coma doutro tempo, a voz de Lilaina.

Pero aquí tamén soan frautas, gaitas e tambores de fondo, nalgunhas cancións, onde así mesmo destacan unhas letras imaxinativas e sorprendentes, como esta que di: <Una serpiente se pasea por el filo de una espada. Tiene menos veneno que tú tienes en la lengua>. En suma, unha marabilla. Unha xoia concibida por xente de aquí, do outro lado do río Ulla.

Aproveitamos esta referencia, para lembrar que o pasado 9 de setembro fixo 50 anos que se publicou “Imagine” (1971), o segundo álbum da carreira de John Lennon en solitario, que produciran Yoko Ono e Phil Spector. A canción que lle dá título ao disco converteuse nun himno pola paz do mundo. E non só é unha das máis vendidas da historia, senón que ademais é unha das máis escoitadas do planeta. Que a paz nos acompañe, irmáns!

2 comentarios en “O embruxo vén do outro lado do Ulla

  1. Boa tarde, querida Magdalena. Unha vez máis, moitas gracias polas túas amables palabras. Coñezo o restaurante de Artes, non te esquezas que traballei 25 0u 26 anos en Ribeira. Bicos e apertas.

  2. Querido Gonzalo:
    Hai un restaurante en Artes que se chama Baiuca. A primeira vez que oín ese nome fun a mirar ó diccionario o significado de tal vocablo que me soaba tan raro. Cando lin que poñía “tasca ou taberna” doume a risa. Nunha cousa tan nosa, o descoñecemento non tiña perdón.
    É certo que a palabra “embruxo” é moi bonitiña, especialmente para nós os galegos que tanto lle queremos as meigas, pero “solpor” tamén é unha preciosodade, é o “crepúsculo” aínda que espero que non sea o dos deuses, e que teñan corda para rato.

    Preciosa frase a que empregas para dicir que as pandereteiras co seu rotundo axouxeo semellaban a rabos de cobras do deserto.

    Grazas, moitas grazas, e unha aperta desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *