Xosé Manuel Lobato. Dende esta ara pétrea de arquitectura natural, onde o suave, maino e velaíño murmurio dunhas augas natalicias agariman unha paraxe de ensoño no seu espontáneo xurdir.
Preto das estrelas, e nun uni-verso de emocións que revolotean tal bolboretas magnetizadas polos sonoros cantos rodados.
As misivas voan efusivas, mensaxes bambeándose no ar ata acadar unha realidade estelar no pórtico da foliada, musicalidade celeste amosando unha afinación sen par.
Festa grande no Pedregal de Irimia, neste primeiro sábado outonal, para celebrar un dos acontecementos máis importantes para calquera ser humano, a súa dignidade como persoa e como parte dun colectivo con identidade de seu.
Neste pétreo retablo gótico, icona coa grandeza dunha excelsa catedral rupestre, natalicio fluvial de inicial desprazamento do pai Miño, río que dende este Pedregal achega os seus folgos e latexos vitais a unha terra sedenta de xustiza e autoestima de seu.
Aquí onde o fresco alborexar deixa un envolvente universo de alfaias efémeras, decoración natural e única para despedir o primeiro e dubitativo camiñar do escorregadizo líquido. Nesta contorna sen parangón celebramos a X festa de afirmación e dignidade.
Día feliz, festivo e reivindicativo, mais de profundas e intensas emocións, onde os sentimentos permanecen no incandescente ar que bambea e mece a numerosa colectividade presente.
Man de Irimia ou man pétrea, unha homenaxe para mulleres e homes con sentimentos enraizados na cerna profunda da nosa cultura.
Encantamento… Neste raiar outonal de dúbidas que ionizan unha atmosfera que agarda ansiosa.
No mediodía a néboa esvaecese mestres a lingua das campás da redonda comunican con alborozo unha homenaxe a dous bos e xenerosos.
Nesta ocasión os recoñecidos foron Ana Sastre Soriano e Xoán Xosé Fernández Abella. Parabenizar tan simbólico acto, e a todas esas personalidades agasalladas coa man de Irimia neste decenio de afirmación, dignidade e orgullo dun pobo con pétrea pegada.
Querido Lobato:
Gómez de la Serna ten unha greguería que reza así “Sobre la máquina de escribir, el alfabeto baila la jota”. Ti cando escribes, tamén fas bailar todo o abecedario con todas esas coidadas e perfectas locucións.
Non sabes canto me alegro de que apareceses hoxe por aquí. Estou lendo o teu libro “Trobar do ar” e o único que se me ocurre dicir é,(para emularche un pouquiño) que cada palabra, son dulces e inspirados arpexios.
A palabra “gloria” resulta un pouquiño altisonante pero, si che digo que estou na gloria mentres che leo, créeme, póis estoume axeitando con grande exactitude ao meu pensamento.
Un pracer, querido Lobato, Segue escribindo, e deixate ver con máis asiduidade pola Cafetería.
Unha aperta.