Torbernita

Foto: Jesús Suárez Ares
Foto: Jesús Suárez Ares

Xulio Gutiérrez. Torbern Olaf Bergman estudaba demasiado. Mentres que o seu pai quería que se fixese avogado, el devecía pola física. Para compracelo, matriculouse en ambas carreiras na Universidade de Upsala. O caso é que o corpo non lle aguantou e tivo que tomarse uns meses de repouso. Neses tempos adoitaba pasear polo campo e pararse a observar plantas e animais. A súa mente inquisitiva levouno a descubrir varios tipos de insectos e incluso a corrixir (con razón) o seu mestre Linneo sobre a natureza dos ovos dunha peculiar sambesuga.

Xa en 1758 regresou á Universidade onde se graduou e comezou a ensinar matemáticas e a iniciar exitosas investigacións no campo da física. Ata que, casualmente, tivo a oportunidade de ocupar unha cátedra de química e mineraloxía. Nunca lle prestara moita atención a estas disciplinas pero pronto destacou como químico analítico, introducindo a nomenclatura binomial para os minerais e creando a clasificación moderna dos minerais a partir da súa composición química.

Precisamente nesta época recibiu unha mostra dun curioso mineral verde descrito por Abraham Gottlob Werner que el analizou e nomeou. De aí o nome do mineral que protagoniza este artigo.

A torbernita é un mineral que se clasifica como uranilfosfato e aparece con frecuencia nas fendas das rochas graníticas formando bonitos cristais dunha cor verde intensa. A súa fórmula é complexa, Cu(UO2)2(PO4)28-12·H2O e amosa a presenza dun elemento inquietante, o uranio. Non se trata dun mineral estable: procede da uraninita e desfaise con facilidade por deshidratación.

O achado de torbernita no granito indica a presenza de uranio e outros elementos radioactivos. Estes minerais son a causa da presenza de gas radon en moitas áreas de Galicia.

Que ten que ver a torbernita co radon? Para contestar esta pregunta debemos recordar que os isótopos radioactivos, coma os do uranio e radio proceden das profundidades do manto terrestre e ascenden lentamente no seo dos magmas que dan lugar ás rochas graníticas. Cando o material magmático se arrefría o suficiente fórmanse os minerais que coñecemos (cuarzo, feldestatos e outros) antes de que a erosión faga aflorar a rocha.

Nesta viaxe telúrica, os minerais radioactivos van sufrindo de forma natural un tipo de desintegración que os transforma noutros elementos químicos máis lixeiros ao tempo que desprenden a temida radiación.

A menos perigosa, en teoría, parece ser a radiación alfa. Cada partícula alfa está formada por dous protóns e dous neutróns. Non ten capacidade de penetrar a pel humana e degrádase axiña. Pero a cousa cambia cando o elemento radioactivo é un gas. O gas radon pode ser inhalado e chegar aos tenues vasos sanguíneos dos pulmóns. Aí a radiación alfa pode facer un estrago colosal alterando as delicadas células dos alvéolos pulmonares e causar un cancro.

Así e todo, tranquilidade! Non hai que crear alarmas infundadas ao respecto do gas radon. É certo que abunda en Galicia pero en concentracións moi baixas. Tan só hai que coidar a ventilación nas vivendas para evitar que se acumule en exceso. Tampouco é perigoso desfrutar dun exemplar de fermosa torbernita na colección de minerais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *