A vida incerta, de Montse Fajardo

9788482895451Xerardo AgraFoxo. Entre un emocionado limiar de Tareixa Navaza (A vida, sen memoria, está soa) e un preciso epílogo da autora, coñecemos a vida de Virginia Pereira, unha muller extraordinaria (A maioría da xente non sabe como se chamaba a muller de Castelao). A través destas apertadas páxinas sabemos da súa orixe burguesa, do seu noivado e voda (1912) co autor de Cousas e das súas andainas por Rianxo, Santiago e Pontevedra. Tamén das doenzas do seu home, por culpa dun desprendemento de retina, e da tráxica morte do seu fillo no ano 1928. Logo virán acontecementos doutra natureza, vinculados co seu ideario político e o comezo dunha guerra civil que os levou ao exilio cara a París, Nova York e Arxentina, onde a cegueira de Castelao avanzou mentres a parella se convertía en protagonista de batallas perdidas e traumas compartidos. Nestas páxinas, adozadas con fotografías, documentos, cartas e testemuños diversos, destaca con luz propia o compromiso dunha muller cun enfermo no  exilio e a defensa dos valores galeguistas republicanos e antifascistas. Por estas páxinas de Montse Fajardo (Vilagarcía, 1973), circulan outras mulleres, como Eva Pereira, Marie Fisher, María Docampo, Carmen Muñoz Manzano, Amparo Alvajar ou María Casares, que tamén tiveron unha «vida incerta» naqueles atribulados anos da posguerra española e a noxenta ditadura que Virginia Pereira sufriu sen que o seu valor e dignidade esmorecese. Malia que o que serve este café literario é un «biógrafo» compulsivo, sen dúbida, esta é unha das mellores biografías que leu nos últimos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *