Oliveira Casal. O pasado venres doce de novembro, Xesús Santos e Xosé Comoxo presentaron no Auditorio de Rianxo o cardeniño número 9 dos Episodios Republicanos Barbanzáns. O finado e querido mestre X. Costa Rodil colaborou tamén no proxecto. Santos, o poeta de Asados, naceu o 28 de setembro do 36, un par de meses despois de que o frustrado golpe de estado desencadeara a Guerra Civil. É o escritor rianxeiro contemporáneo de máis avanzada idade. Un compendio de virtudes humanistas. O venres da semana anterior, no mesmo espazo cultural, Adrián Gómez –nado en 1994– dera a coñecer “Cando sangren os lobos”. É –se non digo mal– o máis novo dos autores da vila con obra publicada. Esta fantástica primeira obra presaxia agasallos de luxo para os lectores afeccionados ao misterio e á literatura negra a medio e longo prazo. Case sesenta anos de vida os separan. E aí, nalgunha desas seis décadas, viñeron ao mundo en Rianxo un feixe de escritores e escritoras que por talento e número fan que o asunto mereza unha análise sociocultural.
O “Expediente Literario Rianxeiro” reclama atención. O antecedente da coetaneidade de talentos nas tres primeiras décadas do século pasado: Dieste, Castelao, Manuel Antonio, Brea Segade e F. R. Romero impregnan a cultura popular da vila e apunta como causa primeira. Medramos escoitando falar deles, en todas as casas. Os avós considerábanos persoas próximas, familiares. Ademais de escribir buscando a bela páxina, escribiron posicionándose. Fixémonos adultos usufrutuando a herdanza literaria dos heroes da liberdade e da fala.
A Editorial Axóuxere e a súa admirable tarefa, xa de longo percorrido, traza e fermosea a paisaxe das letras do país desde a aldeíña de Abuín. Desde alí, Rianxo versifica e fabula a súa lenda. Axóuxere é a refinada culminación do edificio literario da vila.
Tan abondoso talento substanciado en importantes premios e obras xa imprescindibles, sumado á proxección da Academia e da Rúa Literaria Rianxeira, franquearía a porta da Rede de Cidades Creativas da UNESCO. Rianxo, ou non?