Xerardo AgraFoxo. Despois de Saturnal e Transición (pola que levou algúns cartos e un bo feixe de paus), aparece esta obra de argumento suxestivo: un home é recluído (sacáronme do apartamento de Conxo pola mañá, metéronme esposado nun furgón) nunha cadea da Audiencia Nacional (un dos piares do Estado de Dereito) acusado de cometer un delito de terrorismo: prenderlle lume a unha libraría. Nestes alxubes comeza unha confesión que, desbotando os propósitos das autoridades, se converte nun axuste de contas en que ninguén queda á marxe das súas rexoubas.
O día que lle puxen lume á libraría de vello (2021) de Pablo Fernández Barba (Madrid, 1976), profesor de Física e Química, aproveita esta curiosa proposta para criticar sen pudor certos comportamentos das editoriais (todo comezou cunha reprimenda por parte dos responsables de darme o premio), rexeitar o sistema autoritario (Resulta que estou aquí por… por escribir?) e remover os alicerces desta sociedade da información (O blog. A patria dos desherdados da literatura). Coido que a ninguén lle será indiferente este artefacto literario, talvez algo escatolóxico, pero, sen dúbida, imaxinativo.
Morgante (Cangas, 2021)
126 páxinas