Empate a domicilio

X. Ricardo Losada. Coñezo unha profesora nova na cafetería do instituto media hora antes de comezar as clases. Coméntame que é de Galego e vén substituír unha compañeira de baixa. Ao pouco de comezar a falar, e tras lle revelar eu que son de Rianxo, dime que vivo na segunda vila en importancia na literatura galega. A primeira, sostén, é Celanova. Co café na man, fico gratamente sorprendido (que atrevemento, nótase que é noviña) e, rapidamente, a miña cabeza comeza a facer cálculos pondo na báscula os tres principais escritores de cada vila (Curros, Celso Emilio, Ferrín por Celanova. Castelao, Dieste e Manoel Antonio por Rianxo), pero axiña me decato de que ningunha báscula pode pesar a cultura, e conclúo, salomónico, co mantra que sempre uso nestes casos. Rianxo é a vila galega cun maior peso cultural é unha afirmación compatible con esoutra de que Celanova é a vila galega cun maior peso cultural. Depende do que se valore.

     O caso é que, por esas coincidencias que ás veces trae a vida, catro días despois fun pasar unha fin de semana a Celanova. Estiven na casa de Curros, no cuarto do mosteiro onde Celso Emilio ficou encerrado e na torre de Vilanova dos Infantes que protexe a casa de Ferrín. E o que pensei non foi se eran superiores ou inferiores aos ilustres rianxeiros, senón que a casa de Curros era máis ampla e máis acaída para un museo que a de Castelao, que o cárcere de Celso Emilio, onde probablemente escribira Longa noite de pedra, era máis claustrofóbico que a cuberta do Constantino Candeira onde Manoel Antonio escribiu De catro a catro, e que a torre de Vilanova onde Ferrín viviu a infancia era o equivalente ao pazo de Paio Gómez Chariño onde Dieste viviu a súa.

      Aínda así, esa conciliadora paz interior quebrou no peor momento e no peor lugar. Paseando pola casa de Curros vin un panel no que aparecían todos os concellos galegos onde hai unha rúa ou unha praza co seu nome, cincuenta e catro en total, e no primeiro que pensei foi que ese si sería un bo criterio obxectivo para determinar que vila era culturalmente máis importante. Pero, como non sabía o número de concellos galegos que teñen unha rúa dedicada a Castelao, non puiden dilucidar a cuestión. Agora ben. Si acababa de saber que concellos tan próximos como Pobra, Ribeira, Noia, Outes ou Vilagarcía, tiñan unha rúa dedicada a Curros, pero Rianxo non. Sentín tal desacougo que a piques estiven de preguntarlle á guía do museo se Celanova tiña algunha rúa dedicada a Castelao. Non o fixen. Se a tiña, estaría claro cal sería a vila máis importante culturalmente da historia de Galicia. E sentir alegría por iso na mesmísima casa do egrexio poeta de Celanova sería como sentir alegría nunha igrexa ao saber que Mahoma é mellor profeta que Xesús.

5 comentarios en “Empate a domicilio

  1. Ainda que sei que che gusta mesturar ámbitos opostos, en estes momentos eu, estou coma aquel diputado que non sabía a quen votar e andaba dun lado para outro cando o presidente da sala lle preguntou “Su señoría, ¿vota o transita ?”.
    Neste momento eu estou transitando. A anécdota deixámola para outra ocasión.
    Moitos biquiños, querido profesor.

  2. Prezada Magdalena:

    Don Faustino (van cumprirse nuns días cincuenta anos da súa morte) coincidiría contigo nesas bágoas lendo A VIRXE DO CRISTAL. Sinto non coincidir con vós nesa sensibilidade. Pero si coincido na de OS DOUS DE SEMPRE, un libro que tardei moito tempo en comprender o seu valor, como me pasou con toda a obra narrativa de Castelao. Na miña época estudar filosofía implicaba apreciar o complexo sen ser quen de apreciar o simple. A casa polo tellado, vamos. Menos mal que puiden liberarme daquel ridículo elitismo.

    Xa sabes o que me gusta mesturar ámbitos opostos. Agardo esa anécdota.

    Palmeira tamén é a vila máis importante culturalmente de Galicia.

    Fortes apertas!!!!

  3. Querido profesor:

    Aínda que sexa de tarde en tarde é un gusto verche aparecer.

    Empezando a resposta polo remate, direiche que eu sí me decantaría polo predicador xudeo que polo fundador do islán. Pero claro, eu non son de Celanova nin de Rianxo. Recordo levar a praia “A Virxe do cristal” de Curros Enriquez e meterme detrás dunha pedra para que non me visen chorar. E recordo levar outro día “Os dous de sempre” e chorar tamén con todolos problemas do rapaciño “Rañolas”. Polo tanto, eu podería decantarme polo un, ou polo outro, tal como o fago con Mahoma e con Xesús, pero prefiro deixalo nun empate porque todos eles son merecedores de que as súas vilas sexan as primeiras en importancia. A importancia que os séus nomes e a súa cultura lle dan ao seu pobo.

    Iba a meterche unha anécdota duns xogadores de golf que un deles sempre iba por detrás da outra, pero sería disvirtuar ese texto tan magnífico que escribistes con algo que, aínda que e simpático, tamén e un pouco basto, e deixocha para outro día, ou para a réplica.

    Unha forte aperta desde Palmeira, o terceiro pobo en importancia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *