Galicia e os galegos na poesía castelá CLVI. Frei Diego de Valencia

ae2214fdade622b8c1f57828b351aa2aRomán Arén. Foi Teodosio Vesteiro Torres o primeiro que, no século XIX, puxo a atención nun poema de Frei Diego de Valencia dirixido a Vasco Lopes, en realidade a Vasco Pérez de Camôes, pretenso pai do autor d’Os Lusiadas, que na Crónica de Juan I figura como galego, o mesmo que no Cancioneiro de Baena. Cren algúns, erroneamente, que o apelido Camôes é corrupción de Caamaño. Tamén o Marqués de Santillana cita este Vasco de Camôes, do que non conservamos obra, mais si a “pregunta” que lle dirixe Diego de Valencia, da que amoso un fragmento: Vasco Lopez, amigo, Dios vos consuele,/e mas vos ensalce e onrra e bien/que vos me digades de qual parte vien/desir siempre ¡ay! E nada non duele.

A pregunta alude con retranca á “coita de amor”, a ese “morrer de amor” e non morrer nunca.

Frei Diego de Valencia naceu arredor de 1450 e morreu contra 1512. Foi teólogo e os seus Tratados castellanos sobre la predestinación y sobre la Trinidad y la Encarnación foron editados en Madrid por Vázquez Janeiro en 1984.

Pero Vasco Pires de Camôes leva consigo un problema; tras aporlle a Camôes dous sonetos (“Alá em Monte Rey, era Bal de Laça” e “Porque me faz Amor inda acá torto?”) Alvares Cunha en 1668, con reticencia o Visconde de Juromenha apúñallos a un antepasado de Camôes, é dicir, Vasco Pires ou Lopes de Camôes. Non parece verdade nin unha cousa nin a outra, pois a maioría dos camonistas negan esa autoría e xa Xosé M. Dasilva lembrou en 2000, no volume de Estudos dedicados a Carvalho Calero (II) que no índice do Cancioneiro do Padre Pedro Ribeiro están atribuidos a Diogo Bernardes. Serían sonetos en “lingua arcaica”, é dicir, en pretendido galego, con intención sarcástica, según Rodrigues Lapa. A galeguidade viríalle dada polo “betacismo” (Bal de Laça) e foi Vaamonde Lores o primeiro que os deu por galegos, seguido por Carré Aldao, iso si, tirándolle o betacismo. En conclusión, ese betacismo que os fai galegos, tería función de caricaturizar a lingua galega. Xosé Mª Álvarez Blázquez na Escolma de poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830) (1959 e 2008), só publica o Soneto de Monterrei, partindo de Vaamonde Lores (1899) e suprimindo tamén o betacismo.

Remato dicindo que Diego de Valencia foi franciscano, de orixe xudía e que existe (que eu saiba) un libro sobre el de 1971, editado en Frankfurt por Wolf-Dieter Lange.

Un comentario en “Galicia e os galegos na poesía castelá CLVI. Frei Diego de Valencia

  1. Boas tardes, Suso:
    Non sei de donde sacas todos eses interesantes e valiosos libros, porque a verdade é, que son xoias da literatura. Noraboa.
    Eu estou lendo outra xoia pero un “pouquiño” máis actual, e do compañeiro desta Cafetería Ignacio Castro rey. Chámase “Sexo y silencio” recoméndocho, seguro que che encantará.
    Que teñas unhas felices festas navideñas.
    Desde Palmeira, unha aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *