Ultramarinos e balanceo

caixaMarina Losada Vicente. Quixen convencelo de que o que declaraba como vendas, trimestre tras trimestre, non se sostiña. Menos do que pagaba de mercancías no mesmo período! Para que se dese de conta do seu erro, recomendeille anotar nun caderno os cartos da caixa diaria, en canto pechase a tenda de ultramarinos que tiña no baixo da casa.

Eu daquela andaba marabillada polo plan contable e a súa eficacia dentro da enormidade de contas e subcontas, fascinada polo balance perfecto entre as partidas do activo e as do pasivo e segura de que ese equilibro se daba en toda actividade económica, a mínima que fose. Vendo a cifra que sumaban as entradas a declarar dos noventa días do seguinte trimestre, moi por debaixo, de novo, do custo das mercadorías que con tanta facilidade desaparecía dos estantes, e tendo tento do que eu pensaba, que era malo de insinuar, pregunteille quen tiña acceso ao caixón, pois aquilo era inexplicable doutro xeito.

-Todos os da casa -replicou Vázquez-. Cando entra un repartidor, págalle quen estea máis á man. De facer falta cartos, ben sexa miña sogra para ir ao peixe, a muller para o butano, os fillos para o autobús ou eu mesmo se preciso ir buscar tabaco, collémolos. Igual facemos cando chega o da luz, o da funeraria ou o das quinielas. Do caixón sae o necesario para a feira do sábado, na que mercamos roupa, calzado ou algún apeiro para a horta. Hai días que non quedan máis que patacóns, xa o podes ver nos apuntamentos. A cousa anda raspada.

Con esa explicación, e sabendo que todo o que se comía na casa, agás os produtos do mar, ía da tenda á cociña sen apuntamento no caderno (intento inútil pola miña parte), entendín por fin a precariedade do plan contable, que non dispuña de conta algunha que se adaptase ao que o cliente chamaba “economía familiar de subsistencia”, suxeita ás regras do inmobilizado intanxible -léase maxia potaxia-. A conta de mercadoría minguaba sen conseguir medrar a conta de vendas, a pesar da fiabilidade do plan contable publicado no seu día no BOE. A miña expresión -eu era novata daquela- animou o meu cliente a ser rotundo:

-Ao primeiro non cho discuto, pero desde que a muller teimou en cotizar a súa vellez, hai meses que lla pago eu do meu soldo. Como cho digo: O comido polo servido!

3 comentarios en “Ultramarinos e balanceo

  1. Nin tiñan separación de bens, nin nada polo estilo. Só pretendían saber canto gañaban, e a cousa foille moi ben. Xa me gustaría a mín saber facer así as cousas con tan notable eficacia.
    Bicos, Marina.

  2. Sorpréndeme o caso do que escribes, Magdalena. Un caso único. Ou tiñan separación de bens, cousa rara hai anos, ou eran profesionais de primeira ou tiveran algún toque de Facenda. Ou tiñas un asesor ou asesora con máis poderío que o meu!!!
    Felices festa!!!!

  3. Bos días, querida Marina:

    Esta entrada fíxome recordar a uns veciños que tiñan unha taberna, e que ademáis do alcohol, tamén vendían algún que outro produto. Cando iba a buscar azucre ou fariña, sempre me chamou a atenciòn que a muller do taberneiro (que tiña a cociña no mesmo bar separada por uns cristais) pagáballe todo o que lle pedía, e o que máis me sorprendía era que si pasaba un pouquiño do peso correspondente, con unha pala de lata que utilizaba para eses menesteres, tamén llo sacaba do cartucho.
    Seguro que en esa casa o balanceo, daba sempre positivamente.

    Un abrazo e Felices Festas para todos.
    Moita saúde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *