O “xudío”

O xudio 2Marina Losada Vicente. Imaxina que che din na casa, berrando, que es peor que un xudío. Imaxina que ao pé da túa rúa nace un calello que se chama, de forma oficial, “do Xudío”, que ti non cruzas, porque alí se garda un paso da Semana Santa no que o xudío é o malo do que ti tes tanto medo.

Agora mira a foto que acompaña este texto. Nela hai dúas figuras: Unha representa a un soldado romano. A outra representa a un reo, natural de Xudea, camiño da morte. Imaxina que es unha nena de sete anos sentada nas escaleiras de pedra dunha praza a rebordar de xente. Son as oito de mañá, sen abrir o día, e non probaches bocado.

Imaxina ver entrar no recinto ese paso procesional, anunciado polo redobre dun tambor capaz de acalar todos os murmurios. O xudío! -advirte baixiño túa avoa.

No púlpito, instalado ao aire libre para a ocasión, un crego apocalíptico enuncia todos os males, os pecados todos, interrompido -pausa dramática do sermón- polo toque dunha trompeta, máis apocalíptica se cabe, que fai estremecer a toda a concorrencia. Diante da terrible figura, desaparecen os pasos de San Xoán e da Verónica, que suplican piedade. “Perdona a tu pueblo, señor, perdona a tu pueblo, no estés eternamente enojado…” escoitas cantar ao acabar, cargando a culpa no teu corazón de nena. Xudío criminal!

Agora, coas imaxes na túa retina da miña infancia, entendes por que se lle chama na vila de Rianxo, por moi mal chamar, xudío ao romano?

2 comentarios en “O “xudío”

  1. Alégrome de ter compartido este texto. Non pensei que ocurrise o mesmo noutras vilas. De feito, desconfiaba da miña memoria, como adoito facer, ata que recordei que o “calexón do Xudío” está incluído no nomenclátor municipal, ou polo menos estivo ata fai pouco. Non sei se o normalizador linguístico do concello dou conta do caso. O cantar téñoo incrustado nos miolos da cabeza. O día que o escribín retumbaban as paredes da miña casa, eu a todo dar, “persona a tu pueblo señor…! recordardo ao cura chamar criminais a todos os pecadores, pasados, presentes e futuros! Saúdos, Fidel, encantada de saúdarte.

  2. O mesmo en Ribeira, prezada e admirada Marina, e coido que en moitos máis lugares da nosa xeografía. De cativo lembro ese cantar, e aínda hoxe, téñoo na cabeza, en especial, o de “eternamente enojado”. Non era quen de pensar nun Señor eternamente anoxado, un Señor eternamente malhumorado, de mala hostia polo séculos dos séculos. E sentía, como aínda hoxe sinto, mágoa dese Señor. Saúde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>