Pasolini: rabia, cólera e rebeldía

pasonili1Gonzalo Trasbach. Día 5 de marzo de 1922. Nace Pier Paolo Pasolini en Santo Stefano (Bolonia). Así pois, de ter vivido arestora o poeta e cineasta italiano estaría a uns pasos de acadar os cen anos. Con motivo da celebración do seu centenario, as editoriais xa puxeron as máquinas en marcha para confeccionar novas edicións da obra xa publicada e ao mesmo tempo para dar a coñecer algunha novidade con respecto á produción artística dunha das máis relevantes figuras da cultura transalpina do século pasado. Entre as novidades é de destacar a biografía Pasolini. El último profeta de Miguel Dalmau (Barcelona, 1975), pola que se levou a 34 edición do Premio Comillas, a correspondente a este ano 2022.

Lembremos moi brevemente que Pier Paolo Pasolini, ademais de poeta, ensaísta e crítico literario, foi un cineasta complexo e polémico e que rodou películas como Teorema (1968), El Decamerón (1971) ou a moi controvertida Saló o los 120 días de Sodoma (1975). A biografía de Dalmau, segundo contan, brinda as claves para “entender” unha vida traspasada por unha pulsión tráxica que, como recordaremos, terminou dun xeito abrupto: co seu brutal asasinato ocorrido na noite do 2 de novembro de 1975 nas praias de Ostia, a uns poucos quilómetros da imperial Roma. De todos os xeitos, a súa obra literaria e fílmica conserva a súa plena vixencia nos nosos tumultuosos e lutuosos días.

Exerceu de mestre rural no seu Fruili natal até 1949, ano no que se viu obrigado a fuxir, xunto coa súa nai, á capital do estado italiano. Pasolini foi un adiantado ao seu tempo. Describiu o mundo no que agora vivimos, pero non como un adiviño, senón porque fundamentalmente era e o segue sendo un profeta. Neste senso, chegou a dicir: <Acabará o cinema e haberá televisión e pornografía. E virá un novo fascismo>, aínda que este sexa dun corte claramente hedonista.

Segundo se ten contando nestas xornadas previas ao seu centenario, o director de O evanxeo segundo Mateo estaba traballando nunha novela, titulada Petróleo, na que pretendía revelar a conexión do poder coa mafia e a desta co Estado italiano, polo cal moitos teñen deducido que o seu sanguinario asasinato foi perpetrado polos servizos secretos de Italia.9788418807183 Á marxe destas elucubracións, a editorial Nórdica editou a espléndida antoloxía que reuniu López-Vega baixo o título La religión de nuestro tiempo. Pola súa parte, Galaxia Gutenberg volcouse na efeméride coa publicación de El fascismo de los antifascistas, un volume que recolle os escritos redactados entre setembro de 1962 e febreiro de 1975; e reeditará Escritos corsarios. Polo que respecta a Altamarea, dicir que porá á venda unha nova edición de Teorema. E tamén La ciudad de Dios, unha colección de artigos dos anos 50 que retratan a Roma da posguerra. Martín López-Vega é tamén o responsable de La insomne felicidad, unha antoloxía poética que verá a luz a mediados de marzo e reúne poemas dos seus mellores libros poéticos.

A súa fatalidade desatouse en Casarsa cando vivía na casa dos seus pais. Segundo relata Dalmau na súa biografía, nunha festa de verán Pasolini tivo unha aventura sexual con outros mozos. O encontro transcendeu e chegou até os oídos dos seus proxenitores, o que desencadeou unha enorme discusión entre eles. Ademais, iso carreou a súa expulsión do traballo e mesmo do PCI, porque era, ademais de comunista, homosexual, algo que non compartían os seus dirixentes. Mais el xa era consciente de que levaba ás súas costas a cruz dun destino irreparable: estaba abocado a non amar nunca a norma establecida. Estaba atado a unha “maldición” e á súa correspondente ración de dor, unha dor que xa viña de cando recibiu, tanto el coma a súa nai, o duro golpe do asasinato do seu irmán Guido, ao que fusilaron os fascistas o 12 de febreiro do 1945.

Ata o final dese verán de 1949, Pasolini era querido e apreciado en Casarsa della Delizia, a vila da súa nai e dos anos da súa mocidade. Entón era un mozo vitalista, deportista, tímido e hipersensible. Pero despois daquel asunto espiñoso, deveu nun home rebelde, rabioso, atormentado, e converteuse nun implacable fustigador da burguesía italiana. Súa nai, Susanna Colussi, quen chegou a desempeñar un papel nunha película, era tamén mestra rural, doce e alegre. Tralo  escándalo sexual, os dous partiron para Roma, a onde arriban sen nada, coas mans baleiras. Instaláronse provisoriamente na casa dun irmán de Susanna. Máis tarde viviron nunha choza de latón, nun suburbio poboado por inmigrantes procedentes do sur de Italia, e onde non había auga corrente, nin electricidade. Pasolini atópase abatido polas circunstancias. Pero nel á vez alentaba unha forte ansia de “vivir o seu inferno”, de darlle unha forma á súa maldición. Diante del abríase unha nova realidade: o regato onde os mozos xogaban ao fútbol, un anonimato e unha nova liberdade que quedará plasmada na súa novela Los chavales del arroyo.

E é nese contexto onde arrinca o home que nunca sentiu vergoña dunha contemplación que impide o xuízo moral definitivo (mesmo sobre os inimigos) por respecto ao misterio da sinxela existencia, e que á vez mantén unha febril aspiración de retorno a unha xustiza “comunista” (Ah, esa palabra maldita agora entre nós!) anterior á división do mundo que ten imposto o diluvio da usura, da ganancia sen límites.

Até a súa homosexualidade, confesada sen alardes, sen armar barullo, poderíase vincular á imperiosa necesidade dun cripto-cristianismo circundado polo desamor do mundo moderno.81SNeKyEoSL._SY445_ É desde esta perspectiva que na película do Evanxeo segundo  Mateo fanse estas preguntas: <Quen é a miña nai e quen son os meus irmáns?>. El decide renunciar á descendencia, permanecer libre de cargas sociais para manter en pé unha “vixilia” nun magma que debe atravesar a peito descuberto, sen a protección de igrexa algunha, tampouco da teoloxía “progre” ou da liberación sexual, que xa apuntaban con éxito naqueles tempos.

Roma, cando chegou, aparece diante dos seus ollos como deseñada no baleiro, aínda que máis tarde resultoulle fascinante. Vive en barrios terceiromundistas. Coma aos fillos dos campesiños, aos que lles deu clase, ve nos parias dos suburbios aos seus camaradas. Escribe constantemente. Froito destes anos é o seu poemario Las cenizas de Gramsci, e tamén a novela Los chicos del arroyo, que reflicte o que vai observando nos seus traslados en autobús desde unha punta até o outro cabo de Roma, onde atopou traballo nunha escola de barrio pobre, alí onde os máis desfavorecidos se teñen refuxiado, nas ruínas do Imperio Romano. Estas xentes serán máis tarde as principais protagonistas das súas películas.

É nestes escenarios onde, xunto coa súa querenza polos valores telúricos das civilizacións pre-industriais, onde tomará a decisión de viaxar polos países subdesenvolvidos, pobres, do Terceiro Mundo, cos seus ollos ateigados do seu amor de campesiño irredutíbel. Todos os poboadores deses países circulan por diante da súa mirada coma perlas soltas dunha constelación que rachou a apisoadora do Desenvolvemento.

Na capital italiana, ademais de escribir e ensinar, publica artigos en xornais e fai amigos de moito peso, como Alberto Moravia, e a través de Giorgio Bassani introdúcese no mundo do cinema, onde primeiro exerceu de guionista traballando para Federico Fellini como coguionista de La dolce vita, e máis adiante como director, faceta na que debutou con Accatone (Mendigo) en 1961, trala que virán Mamma Roma, O evanxeo segundo Mateo, Pajaritos y pajarracos, Edipo Rey, Teorema, Pocilga… Non é cine fácil nin para entreter, senón provocador e polémico, coma o seu mesmo carácter.

É tamén na Cidade Eterna onde amosa o seu potente xesto apocalíptico, que se alimenta do enfrontamento da totalidade da orde urbana, coa súa dereita e esquerda civilizadas, coa relixión das aforas, un universo suburbano que lonxe de ser superado polos novos centros urbanitas, pervive cargado dunha enorme vitalidade. Unha vez que chega a decepción política, entrégase á viaxe romántica que o leva ás marxes que pretende tapar, soterrar, a planificación neoindustrial.

De ningún modo habería que ver na súa inclinación polos mozos do regato, polas aforas miserables da cidade, só cotra, obscenidade e violencia. Non. Aí late un grande amor pola realidade, un amor alucinado, infantil, pero tamén pragmático, que ten sido tomado en moitas ocasións por impúdico. Falamos dun amor que tamén sente pola diva María Callas, a quen, logo de ser abandonada por Aristóteles Onassis, convenceu para que desempeñara o papel de Medea nunha das súas películas. A súa condición de homosexual xeroulle moitos problemas, e mesmo acabo no cárcere. Xa no 1968 recibiu moitos paus por parte das esquerdas (oficial e radical) porque se posicionou a favor dos policías (obreiros e fillos de obreiros) e contra dos estudantes aos que acusa de burgueses e fillos de papá, unha postura que aínda agora non entende a nosa tan ilustrada esquerda.

Isto en Pasolini encaixaba perfectamente. Encaixaba na súa aptitude indomable e soberana. Nese aspecto, nunca agochou a súa admiración pola vida elemental das xentes que habitaban nas aforas, esa xente á que se denominaba e aínda se denomina “Lumpen”. Cando fala deses territorios, PPP está nomeando o que se chama materialismo sagrado, do que a ortodoxia de esquerda (mesmo da que se considera máis extremista) non quere saber nada.

713UlXyo7wL Evoca constantemente a tradición proletaria e campesiña de Italia diante do aborrecible e imparable avance do consumismo. Nun escenario no que se percibe unha emigración masiva do campo á cidade (tal como tamén ocorreu en España e Galicia), el ve que o tradicional esquema marxista disólvese no neocapitalismo, sen resistir o implacábel crecemento do consumismo.

En Escritos corsarios chega a dicir que ningún fascismo lle fixo tanto dano a Italia coma o hedonismo consumista. En Teorema, cando a criada se soterra no fondo dunha obra, só nos quere recordar que as civilizacións anteriores non desapareceron, están enterradas. A civilización campesiña permanece debaixo da obreira, o mesmo que o frenesí de Eros nos agarda debaixo da costra estereotipada dos nosos actuais rituais. É dicir: o arcaico, coa súa poética e o seu perigo, agarda en silencio o seu momento.

Pasolini sempre se mantivo fiel e fraternal coas sombras do descoñecido, das cousas pequenas. E o rexeitamento que xera nos demais catalógao de “racial”: é o racismo que se exerce contra todas as minorías do planeta. PPP é solidario coa memoria dunha marxe (o deserto), iso que esqueceu o mundo moderno, ese sitio de onde todos vimos.

Un sinistro accidente, truculento, onde moitos aínda continúan recreándose, coma rapaciños remexendo na merda, acabou coa súa vida, acabou coa súa vida mentres xa camiñaba, pese á rabia e á cólera que albergaba no seu corpo de campesiño e deportista, cara á reconciliación coas súas propias tripas, entrañas, e talvez acaso, tamén coas cousas deste mundo cruel.

5 comentarios en “Pasolini: rabia, cólera e rebeldía

  1. Querida Magdalena:
    Corroboro lo que dices respecto a Gonzalo.
    Siento no conocerle personalmente, a pesar de estar tan cerca.
    Un abrazo a los dos.

  2. Moi bos días para Magdalena e Para Naty. Só tendes fermosasa palabras para min. É de agradecer. Un aprendeu a amar a Pasolini non porque fose ou non guapo, senón porque tiña moitos defectos. O primeiro libro que comprei del foi “As cinzas de Gransci”, cando un admiraba a aquel fráxil pero valeroso corso que militaba no PCI como dixo algunha vez Berger, era o menos sectario dos marxistas da súa época. E cando vin a película “O evanxeo segundo Mateo”, quedei fascinado con aquel chaval español que tiña as pestañas pegadas facendo de Cristo, maravilloso. Tamén amo a Pasolini polo seu fondo teolóxico. Humildemente é algo que teño en común con el. O dito e innsisto, muito obrigado. Bicos para as dúas.

  3. Apreciado Gonzalo:
    Tengo que felicitarte por tu magnífica introducción, sobre la biografía del poeta y cineasta Pasoline. Me fascinó.
    No cabe duda que su vida, ha sido de lo más azarosa. Un hombre provocador y polémico, como su mismo carácter lo indica; unido a su condición de homosexual, la cual le originó muchos problemas.
    Lo que me impactó fue la crueldad de como lo asesinaron. Me ha puesto los pelos como escarpias.
    Para finalizar te diré, como mujer, que era un hombre interesantísimo
    físicamente. Que no todo sea negativo.

    Un placer leerte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *