Bo tempo, de Alberto Díaz, a propósito de Raimundo Patiño

bo-tempo-c1fs-komic-libreriaPilar Sampedro. O 30 de xaneiro, cando o calendario das Letras nos trouxo a Raimundo Patiño, un dos carteis de ilustradores que o celebraban era o de Alberto Díaz, un mozo que sen ser galego tiña conectado co mundo de Patiño na súa esencia ideolóxica e artística. El representa “O xuramento de Laracha” nunha imaxe bicolor desa noite cos catro mosqueteiros subidos aos cons pondalianos.

Conta a historia dun neno que coñece ese estraño creador e activista, que era Raimundo Patiño, a través dun tío pintor. E esta historia vai ser a que dea lugar ao cómic Bo tempo, na cuberta do cal vemos, de novo en bicolor, un Raimundo descuberto baixo a chuvia e rodeado de paraugas. Porque o fío que cose esa historia ten que ver con este home que precisa da auga como da terra e que ten na chuvia unha referencia profunda. Dende o encontro con Xohán Casal (“señor Patiño, é vostede amigo da chuvia?” a modo de contrasinal), a creación da Liga Nórdica, a forma na que a bota de menos en Madrid ata o punto de saír a mollarse cando chega… porque a chuvia é Galicia, esa terra feita de auga, modelada polos ríos.

Alberto Díaz “Pelorroto” recolle un prólogo de quen mellor o coñeceu, Xaquín Marín. Este recoñece as emocións de Díaz ante Patiño e “lamenta non ter gravadas as súas vivencias co Rei-Mundo”, ao tempo que se aleda de que este o faga; define a Patiño como un volcán en teimuda erupción imaxinativa e así o mostra nun debuxo de 1988, saíndolle da cabeza a lava creativa dos mundos. Xa o di Marín, “esta obra contén un relato onde as viñetas se suceden ao xeito tradicional, perdendo os bordes e a forma, deixando paso a textos, fotos ou gravados e pinturas do propio Patiño, de forma que a montaxe resulta dunha frescura e axilidade engaiolante”.

Pelorroto déixase envolver pola engurrada dun creador inmenso, déixase anegar e vai sacando fragmentos dunha vida e unha obra que aínda hoxe non é comprendida tal como mostra nas últimas páxinas, cando visita unha exposición cos fillos que mostran o seu descontento e el lles contesta “xa gustaredes das sardiñas”.

Unha obra imprescindible no ano de Raimundo Patiño, feita dende o cómic, a admiración e o traballo reflexivo-creador que debería guiar cada intervención. Por iso, ademais de volver a Patiño, descubrimos a Alberto Díaz e quedaremos con ese nome para o futuro; dende agora, estaremos pendentes da súa obra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *