Crer que se cre

arrow-4957487_960_720Ignacio Castro Rey. O contrario da vida non é a morte, senón o medo. De aí a expresión popular: “Paralizado de medo”. Se se consegue saír dese estado larvario pode ser moi triste vivir en Occidente. Fanche crer que es libre, que podes pensar e vivir como queiras. Cando te dás conta estás a ser sinalado -ou silenciado- polo simple feito de que, en cuestións que incumben á nosa coherencia tribal, atréveste a pensar de modo distinto.

É evidente que para resistir no chamado primeiro mundo, onde a violencia nunca debeu de ser excluída, faríannos falta crenzas. É posible que o gran déficit deste Occidente abducido polo  condutismo da economía e polo pragmatismo gregario da información sexa ese. Os saberes témolos, igual que se empuña unha ferramenta. As crenzas téñennos. Por diante van sempre uns sentimentos, prexuízos ou intuicións atávicas que nos preceden. Por detrás vai a razón, unha conciencia que avanza como pode, con frecuencia coxeando ou facendo trampas. É posible que neste punto outras culturas, desprezadas día a día como autoritarias, nos dean cen voltas en canto a fidelidade ao real, que só se sostén cunha cultura que lle dea algún lugar ao  ahistórico. A espiritualidade que envolve algunhas civilizacións  sálvalles da entrega masiva ao imperio da opinión pública, que entre nós fai estragos.

Os progresistas pasámonos a vida imaxinando cortes  epistémicos que deixan atrás grandes bloques de costumes, de ideoloxías e hábitos. Agora ben, á parte da lentitude infinita dos cambios, baixo o impresionismo da costra histórica subsisten rexistros de existencia que apenas poden coñecer mutacións dunha época a outra. É posible que en rexións profundas da conciencia o ser humano ignore a coacción espectacular dos movementos colectivos. Cambiarán con relativa prontitude a coreografía externa do amor ou da guerra, non tan facilmente a súa esencia, as súas intensidades cruciais. Tampouco as relacións entre a verdade e o saber, entre os ideais e o medo. De non ser así, a influencia dos clásicos da literatura e o pensamento apenas abarcarían unhas décadas. E o certo é que seguimos atopando en  Hesíodo e Séneca verdades, certezas e crenzas que valen perfectamente para hoxe e mañá. E ás veces moito máis que as estrelas virais do momento. De Borges a Lispector, é posible que os occidentais sigamos atopando nos clásicos un especial potencial de retorno, un camiño de volta a claves de vivir que se manteñen a salvo da  superstición da cronoloxía.

Non debía estrañar entón que as crenzas sexan capitais como guía, mapa mudo de distintos modos de coñecemento, mesmo na ciencia. Como dicía Foster Wallace no inesquecible Isto é auga, non hai “ateos” nas trincheiras da vida corrente, pois sempre é necesario adorar algo. Só debemos procurar que aquilo que adoramos non nos devore. Por diante vai a patoloxía das crenzas e intuicións, a intelixencia inconsciente de algo parecido a un instinto. Detrás corren as categorías da conciencia, unha razón que busca con présa argumentos. Pasámonos a vida tentando demostrar aquilo que xa cremos, ou queremos crer, de antemán. Non existe en ningún lado un coñecemento puro, non contaminado polos intereses, os prexuízos e, no mellor dos casos, o desexo. A información é unha mostra especialmente rotunda desta servidume do coñecemento con respecto ás pulsións previas, pois ha de ocultar os prexuízos que lle permiten buscar, destacando algo como noticia.

5 comentarios en “Crer que se cre

  1. Facía tempo que non lía algo tan interesante.
    Para min, é unha catarse.
    É algo que moitos levamos dentro pero nono sabemos esgrimila.
    Grazas Ignacio por esta axuda.

  2. Querido e admirado Ignacio:

    Hai uns meses cubrindo un crucigrama de “La Vanguardia” doume que facer unha das preguntas. Era esta, “Cree que Dios es una de las creaciones del hombre”. Loxicamente despóis de moito cavilar saleume a palabra “ateo”. Serei parva – pensei- pois no mesmo momento acordeime daquel caderno de notas onde miña avoa tiña apuntadas máis de trinta días de indulxencias plenarias. Con unha avoa así cómo ía ser eu doutro xeito ? Mira que si tés razón!!

    Un pracer lerte, Ignacio. De todos xeitos (por si acaso) rezarei moi despaciño por todos recreándome na intención.
    Unha aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *