Nada novo baixo as estrelas

O Fío de Ariadna. ImaxeUxía Casal. Usei estas lentes con cristais «afumados» nos anos oitenta do pasado século; ao seren graduadas, cumpría enfocar ben, se non, corríase o risco de non ver con definición o que se miraba, pois a montura estreita e —seica— feminina só permitía protexerse do sol se o tiñas de fronte. Unha de tantas cousas e pezas que aprendemos a desbotar tras comprobarmos o pouco prácticas que son, por moito que a moda as proclame marabillosas, e máis, coma neste caso, cando se trata dunha prótese.

Mais esta montura ten a súa historia. Calcúlolle arestora uns 73 anos de existencia, pois pertencera a miña nai abondo antes de eu nacer. Ese estilo, algo «atrevido» no seu momento, impuxérase a finais da década dos corenta; logo, ao perder o favor popular (substituído por outros caprichos do deseño), as lentes permaneceron arrombadas nun caixón durante máis de tres decenios e saíron del ao precisar eu unhas para o sol, xusto cando a moda rescatara do baúl da memoria este tipo de montura como mostra de última novidade. Eu rescatei a miña do esquecemento, claro; era absurdo mercar unha nova cando había na casa outra case igual. Resultoume curioso que tivese tanto éxito entre os opinadores da época, que quedaban abraiados ao saberen a idade daquela modernísima montura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *