A memoria da historia e as historias da memoria (II)

memoria(II)Pilar Sampedro. Citaba, na entrada anterior, varias obras de ficción xuvenís que trataban a temática da memoria histórica, pero resultábame inxusto deixar outras nesa mesta escuridade que as fai desaparecer, igual que as historias das que falan. Esa é a razón pola que continuarei mencionando algún outro libro que se move nesas mesmas coordenadas.

Se lembramos algún dos títulos aos que me refería anteriormente: Corredores de sombra, Noite de voraces sombras, A sombra descalza… vemos como se repite a palabra sombra porque volver a mirada ao pasado implicaba o encontro coas sombras, coas vítimas.

Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey, está dirixido a un lectorado algo máis novo, para contarlle a historia dun neno pastor que asiste á desaparición do pai e ao misterio que se agacha detrás dese feito. Un amigo do pai, traballador de telefonía, é o home lagarto que ten bicicleta. O poeta Miguel Hernández aparece tamén na historia aumentando así o ton lírico que a envolve.

Para máis novos, aínda, está pensado o álbum ilustrado A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto, con ilustracións de Bea Gregores. Ao campo de concentración da illa viaxan o fillo dun dos presos e a filla dunha das lavandeiras que lles axudan co lavado da roupa ou levándolles algo de comida. Dous rapaces que viaxaban ao terror… O libro leva as gardas con fotografías da época, dospersonaxes e do lugar; ademais, conta cunha páxina web que complementa e contextualiza a obra. Con este libro comeza a colección “Pequena memoria” de Xerais, dirixida por Eva Mejuto. Eva, tamén é autora da novela xuvenil Memoria do silencio, na que recrea a historia das irmás Touza de Ribadavia, en plena II Guerra Mundial, que axudaron os xudeusa fuxir das poutas dos nazis; no contexto desa perigosa aventura móstranos o terror instaurado pola Garda Civilna Galicia da posguerra.

Trátase, maioritariamente, de novelas ou contos pero en teatro atopamos, Casa durmida, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, ilustrado por Berta Cáccamo. Na noite, mentres todo semella durmir, alguén (escapado) visita a casa.

E, para rematar, unha banda deseñada: Regreso á illa de San Simón (de novo a illa, que tamén aparece noutro álbum, A árbore dos vagalumes), da man de Kiko da Silva, coa colaboración de O Garaxe Hermético, unha obra coral onde uns personaxes van á illa a buscar tesouros e atopan memorias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *