Manuel Hermida Iglesias, Noia como paixón

O Escritor. Efemerides_noyesasPastor Rodríguez. Nado en Noia en 1930, Manuel Hermida Iglesias foi incasable no seu interese por todo o que fixese referencia a Noia, os seus feitos e as súas xentes. Coautor, con Xosé Agrelo Hermo, do volume Efemérides noyesas, editado en Compostela en 1971, alguén debería recoller os seus traballos na prensa sobre a súa vila natal. Moitos destes traballos apareceron na revista Alameda entre 2000 e 2004, e entre estes poden lembrarse “A rúa da Corredoira de Luis Cadarso cincuenta anos atrás”, “Aquela rúa inesquecible”, “O hórreo senlleiro”, “Unha rúa moi entrañable”, “Lembranzas sobre Noia no ano de Avilés”, “Centenario do nacemento de Basilio Fernández Barbazán”, “Necrolóxicas de 13 noieses comentadas por Avilés no Barbanza” ou “Noticias coincidentes cos anos catro recollidas nos xornais”. Agora que xa hai un importante traballo francés, feito por universitarios e xa traducido ao castelán, cómpre lembrar que Hermida Iglesias colaborou nesa gran empresa colectiva que foi a Gran Enciclopedia Gallega, aparecida dende 1974, e na que o noiés escribiu dende o tomo 9 ata o 22 e nela ocupouse de figuras históricas (“Los Nodales”), xornais (“El Eco Popular”), parroquias (“San Ourente de Entís”), artistas noieses (“Diego Fernández de Sande”, “Julián Fernández de Gudín”), e outros escritores ou personaxes históricos (“Francisco Gil de Lemos”, “Manuel Díaz de Herrera”, “Juan Antonio Fabeiro”)… Hermida faleceu en Noia o 10 de setembro de 2004.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *