Xerardo AgraFoxo. Un rembrandt en Cuba? Baixo esta interrogante comeza Herejes (2013), a última e ambiciosa novela de Leonardo Padura (La Habana, 1955), autor recoñecido polas obras da serie negra protagonizadas polo ex policía Mario Conde –como Paisaje de Otoño ou Pasado perfecto– e Premio Nacional de Literatura de Cuba por El hombre que amaba a los perros (2009), unha extraordinaria reconstrución do asasinato de León Trotski polo militante comunista catalán Ramón Mercader en México.
Herejes consta de catro partes. Na primeira nárrase a chegada á capital cubana no ano 1939 do buque S.S. Saint Louis que viaxa dende Hamburgo cuns xudeus que foxen do nazismo; entre as persoas que os esperan impacientes no peirao atópase o neno Daniel Kaminsky, que agarda a chegada da súa familia, a cal viaxa cun lenzo do pintor holandés; moitos anos despois, aparece na Habana un fillo deste rapaz para aclarar, coa axuda de Mario Conde, o sucedido con aquel misterioso cadro. A segunda parte transcorre integramente en Ámsterdan –concretamente no taller de Rembrandt– trescentos anos antes. Na terceira parte, outra vez na Habana, Mario Conde investiga a morte dunha moza e a súa posible relación coa misteriosa desaparición do lenzo. Finalmente, o escritor pecha o círculo da intriga para clarexar como aquela pintura fora parar ás mans da familia xudía que acabara nas cámaras de gas.
O relato policial desenvolvido nas rúas habaneiras e a minuciosa recreación da época de Rembrandt constitúen o mellor das 600 páxinas. Pero as dúas reviravoltas finais da trama e unha certa autocensura sobre a realidade cubana, unha cuestión que non favorece a crítica que se realiza sobre a intolerancia na Europa do século XVII, renxen no conxunto desta obra.