Educando “Moais”

fio ariadnaMariña Pérez Rei. O barqueiro vai e vén. Na súa cíclica viaxe traslada semente e louza viva. A canda si leva o mellor da illa para protexelo da enchente uniforme. Con esa intención, move os soños e as ilusións ata terra firme na procura dun tempo seco, por asollar as humidades naturais dos pequenos moais. Na época das choivas acubilla as crianzas máis fráxiles, móveas á outra beira para que a acqua alta non as anegue co lodo da súa insólita violencia.

Cando se despraza pola ría, o barqueiro evita que cadren na mesma barca presa e depredador, solpor e amañecida.Coida que as ideas viaxen por separado para se mesturaren na outra marxe, ao abeiro das mareas que abalan monólitos sen labrar. Os furtivos axéxano entre as bateas. Despois regresa co seu tesouro puído, lustrado por un sol aínda máis fulxente tras as augas vivas que o cuestionan.

O barqueiro fálalles aos pequenos moais sobre os desexos que habitan o litoral. De praias e poemas. Quere que se movan cara á luz, que despeguen o seu corpo ríxido do chan, que se expresen cos ollos de esmeralda e coral que lles extirparon un día. E vailles dicindo amodo na súa lingua as cousas que convén observar na distancia imprevisible do horizonte.

Vai e vén o barqueiro á illa inmutable. A barca sempre detida na mesma viaxe. Nas augas turbias distingue o cardume do peixe solitario. Sabe que a travesía que fai ten un único itinerario: a permanencia.

E porén, o barqueiro deste falso conto desexa entregarlle a barca a outro mariñeiro para que percorra a longura entre as dúas beiras e siga rompendo a pedra e a súa pasividade. Porque a orixe da viaxe afástase a cada pouco e esfiaña en pura intención. Arremedo.

Velaí vos queda un vello haiku: O curandeiro / tenvos un gran segredo: / está enfermo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *