Escándalo e indignación

han_en_el_enjambre_webGonzalo Trasbach. Case ninguén dubidaría que nos tempos nos que vivimos dúas palabras dominan de xeito case absoluto o noso escenario cotián: escándalo e indignación. De feito, pasa algún día sen que nos sintamos ou indignados ou escandalizados ou as dúas cousas á vez? E se por casualidade nos despistamos, os medios encárganse de lembrárnolo facendo moito ruído para que non escoitemos o diaño do mundo, o seu silencio.

Byung-Chul Han no seu último libro, En el enjambre (Herder), afirma que unha sociedade sen respecto, sen pathos da distancia, conduce a unha sociedade que vive escandalizada. A nosa, non é? O coreano afincado en Alemaña fai fincapé en que a falta de respecto predomina na sociedade dixital. Neste senso, subliña que o respecto esixe unha mirada distanciada. Mais hoxe en día o que hai é unha mirada sen distancia, tal como lle corresponde a unha sociedade do espectáculo. Se nos atemos ao terreo público, este decae ou dexenera na medida en que desaparece o respecto, o seu eixo vertical. Se o distanciamento é constitutivo para o espazo público, hoxe en día reina unha total falta de distancia e por iso o privado faise público, a intimidade exponse publicamente: sen distancia non hai decoro. Mesmamente o entendemento presupón unha mirada distanciada.

escandaloQue papel desempeña a comunicación dixital neste partido? Se o público e o privado se mesturan por falta de distancia, quen fomenta entre nós esta exposición pornográfica de intimidade e esfera privada máis que a comunicación dixital, e as redes sociais? En canto tal en si mesmo, o medio dixital non privatiza a información en tanto que despraza do público ao privado a produción de información? Dado que o respecto aparece ligado ao nome, anonimato e respecto exclúense entre si. Fomentada polo medio dixital, a comunicación anónima destrúe masivamente o respecto e é, en moi boa parte, responsábel da indiscreción e obscenidade predominantes na actualidade.

escandalo 2Nesta nosa sociedade da dominante cultura da indiscreción e a falta de respecto, resoa constantemente o termo indignado. Todos estamos escandalizados e indignados. Ata os mesmos políticos imputados nalgún asunto sucio. Agora ben, as ondas de indignación serven ou son efectivas nalgún sentido? Á parte de para faceren barullo e arredarnos do noso camiño, serven para pouco. Nacen, medran rápido e logo esvaécense. Serven acaso para idear un discurso ou para tecer un espazo público?

Han identifica a sociedade da indignación coa sociedade do escándalo. Seguindo este fío, volve enfiar coa distancia como elemento necesario para a formación do espazo público. Ademais, conta que a indignación non se leva ben coa comunidade, pois non constitúe <ningún nosoutros estábel e que amose unha estrutura do coidado do conxunto da sociedade> . Neste sentido, a masa de indignados está máis preocupada de si mesma, é unha preocupación narcisista. Por iso esas ondas morren enseguida.

Fronte a isto, o filósofo coreano contrapón a ira <porque soporta, estrutura, anima e vivifica. É o medio heroico por excelencia da acción>. Neste punto, insiste en que a indignación dixital non é capaz de acción nin de narración. Diante da actual multitude de indignados, Han reivindica a cólera como capacidade de interromper un estado existente e de favorecer que comece un novo estado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *