Fábulas talladas

fabulas-talladasLucía Romaní. Labrar, esculpir ou tallar son accións que desvelan e revelan formas, sutilmente, gradualmente, nun proceso delicado que require paciencia e precisión. A exposición Contos da orfebrepreséntase na galería O Faiado de Ribeira, durante este mes de novembro, como unha serie de narracións independentes onde fíos de tinta debuxan o papel con gran preciosismo, tal que filigranas, construíndo un mundo simbólico coroado de diminutas xoias ou apliques inspirados na natureza. Pingas que tecen mantos, pelo embutido en lume, ou plumas entre follas e ás recrean un imaxinario cuxas ambiguas formas se duplican e replican, obsesivamente, nas diferentes historias contadas.

Do mesmo xeito que no debuxo automático, subconsciente, un salto entre mundos é posible nestas imaxes múltiples creadas con certa intuición, sobrecolledora, por Pilar Ageitos (Ribeira, 1970) ao longo destes dous últimos anos. Un renacer espiritual e místico no que ornamentación e xogo nos convidan a descifrar esas «almas de metal», alter ego da artista. Desde a aliaxe da cor (ouro e prata) até a feminidade escenificada na liña e a curva, o púrpura ou violeta, a muller móstrasenos como a personaxe principal da escena. A muller das bolboretasrealizada en 2012, convértese en deusa para seducirnos dende a conxunción de corpo e universo; ollos de fantasía, flores de latón ou estrelas ciceladas súmanse a unha paisaxe que é tamén linguaxe, visión.

pilar-ageitos_ilustracion-abraldesNoutras ocasións é o animal, felino, o que nos mira e abraza:Xamanas, 2012; ou a ave nocturna que coa súa levidade etérea nos conduce ás profundidades dun soño lúcido: A chamada, 2014. O onírico tradúcese en ficción evocadora onde figuración e abstracción conxugan o formal e o imaxinal, sen esquecer o verbal. Imaxe e palabra, historia e cor versan sobre literatura e lectura, metafórica, pictórica. Un ritual caligráfico (mecánico e hipnótico) que nos obriga a ler cada liña, fundida en poema, con minuciosa atención.

Existe en Pilar Ageitos unha revalorización do manual, daquilo que é trazado, pensado coas mans. Cada serie móstranos un gran dominio técnico, case artesanal, nun mundo tecnolóxico onde as artes aplicadas (do ou da ourive) parecen non ter fogar. Do mesmo xeito, e facendo unha dobre alusión ao título, a obra rescata un espectador invisible, ao infante, o eu neno que xa non o é e que aquí se mostra, revela, sen ocultarse. Estas fabulacións poéticas, cada unha única, estraña e extraordinaria á vez, poderán tamén contemplarse no Centro Social de Boiro durante o vindeiro mes de decembro.

«A muller das bolboretas», tinta sobre papel, 2012

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *