Sutura, a arte cura

suturaMaría Álvarez. “Sutura” (land art, humilde instalación na natureza, ou como cada un prefira chamarlle) xurdiu -entre moitas outras obras- dunhas xornadas artísticas levadas a cabo na primavera do 2007 en Arou. Co gallo dunha revisión da figura de Man, o alemán de Camelle, celebrouse unha xuntanza de artistas plásticos que xa traballaran previamente co contorno natural. Nils-Udo, artista de longa e recoñecida traxectoria internacional (magníficos traballos, pódense apreciar en numerosas páxinas de Internet), foi o guía da experiencia.

Primeira parte: Camelle. Hai anos.

En Camelle, hai tempo, viviu un alemán. Pode que vivisen outros, seguro que si, pero este do que falo era especial. Un home fraco, con especial gusto polas artes e a natureza, que foi dar a Camelle como podía ter chegado a outro lugar. Uns din que ficou namorado dunha muller, outros din que o que o amarrou a esa vila foi a beleza violenta da súa costa, e a súa propia vocación de náufrago. O caso é que alí quedou, e no peirao, ao longo de trinta anos, fixo o seu pazo de anacoreta.

Non podo evitar preguntarme qué buscaba Man -o alemán de Camelle- naquelas pedras que amoreaba, erixindo esculturas gaudinianas ante a mirada -máis burlona que admirada- dos que pasaban por alí.

Segunda parte: Arou. 2007.

–         A arte cura.

Ou polo menos, iso lles digo eu aos meus alumnos cando preguntan: “Ai, profe, e para que serve a arte?”

–         A arte cura, nenos.

Son tantas as respostas certas, tantas as posibilidades e usos: que se representar a natureza, que se expresar as emocións, que se buscar a esencia da existencia, que se decorar unha parede…; non obstante, para min, o mellor servizo que nos pode facer a arte segue a ser o mesmo:

–         A arte cura, nenos.

Non hai receitas nin doses establecidas, non é remedio de toses nin reumas, pero a arte é quen, dou fe, de curar feridas da alma, mal de amores, medos,  tristuras, noites de insomnio, e días de nin fu nin fa. É necesario, iso si, enfrontarse a ela coa mente aberta e os ollos limpos, con espírito curioso e ganas de traballar. E nada de pensar en diñeiros nin en famas, que os prestixios distraen e entorpecen o ánimo de artista.

Durante tres días chuviosos de maio do 2007, na Costa da Morte, entre Camelle e Arou, un grupo de persoas  – vellos amigos algúns, outros futuros – compartiron miradas, orballos, experimentos visuais coa paisaxe, ganas de aprender de Nils-Udo (outro alemán a mover pedras) e dos demais. Houbo sincronía e boa onda, a sombra fraca de Man a acompañar os visitantes. Eu tiven a sorte de estar aí.

Así, si.

–         A arte cura, nenos.

Quizais por iso, entre tanta beleza, enorme e dramática, das costas de Arou, o meu ollo ficou nunha fenda nas rochas. Fenda como ferida, aberta polo mar, onda tras onda, por días, por anos, por séculos. Quizais por iso, tentei sandala, cosín na fenda, fixen sutura.

Non sei se fun quen de curala. Ela a min, si (a arte cura, nenos).

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *