Furores íntimos, de Charlotte Roche

furoresCarlos Mosteiro. Non sei se será pola autocensura asociada a nosa educación xudeucristiá, que adoitamos torcer o fociño ante títulos coma este. Disimulamos pasando de longo diante da caseta de calquera feira do libro. Volvemos atrás, miramos a esquerda e dereita para non sermos sorprendidos en fraganti delito. Cando por fin collemos o libro baixan sobre nós todas as represións acumuladas. Dámolo ás agachadas para que nolo envolvan ou o metan nunha bolsa, sempre pola contraportada, mirando para outro lado, case asubiando, evitando miradas para non atopar sorrisos torcidos. Afastámonos do lugar cunha sensación de ridícula e clandestina culpabilidade, a mesma que con dezaseis anos sentiamos cando iamos comprar condóns á farmacia. Non pasa nada, diche o adulto sobrevivente ao nacionalcatolicismo que hai en ti. Si, non pasa nada. Pero polo que poida pasar non lle contas a ninguén que mercaches “Furores íntimos”, pola mesma razón que todos agochabamos que liamos Interviu, e non precisamente polos artigos. En fin, sigamos.

            Nunca oíra falar desta autora, e xa coñecemos o dito, nada sabemos do melón ata que o abrimos. Ataquei o libro con certa prevención, sabendo pola solapa que esta Charlotte Roche (británica de nacemento, Wycombe, Reino Unido, 1978) é unha presentadora estrela da televisión alemá. Veume á cabeza Ana Rosa Quintana, e a sospeita de estar ante un subproduto mediático deses que proliferan tanto na época do pensamento inane. Pero non. A novela vénse arriba. Áxil, fresca, próxima, sen trampas nin afectacións. Fala de sexo, claro, pero non só; dende logo non segue o manual de literatura anzol, tipo Cincuenta sombras de Grey; sáese do guión predicible de novela lixo de autora mediática para consumo de lectorado débil, seguidor habitual de programas televisivos da tarde. Un matrimonio sólido, sen fisuras, experimenta sen prexuízos mixiriqueiros os lindeiros da sexualidade conxugal convencional, preguntándose mesmo se non suporá a fidelidade unha sorte de infelicidade. furores 2Pero baixo este furor, baixo esta mística do pracer, está o substrato do drama, unha traxedia familiar que estragou o centro de gravidade da protagonista, e que agora pretende reconstruír, non sen dificultades e altibaixos, coa axuda terapéutica do sexo. “Furores íntimos” fala do matrimonio e da familia, explorando ao mesmo tempo, con audacia e certas doses de humor, cada curruncho da alma dunha muller que busca reconstruírse e colocar de novo as pezas do seu puzzle vital.

            Non estamos dende logo diante dunha novela inesquecible. Pero está construída con materia literaria en grao suficiente como para que lle botemos un ollo. Charlotte Roche non é Ana Rosa Quintana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *