Elia Núñez Barez. “Warpaintings”

pink & red on whiteEme Cartea. Elia Núñez Barez sabe que a cada tempo a súa técnica. Eis o signo do saber. Nun percorrido que non lineal nin progresivo (propio das vangardas do pasado século), que ha mirarse, non só no grande espello ao longo do camiño stendhaliano, senón na multiplicidade temporal e espacial da realidade de hoxe en día, que demos en chamar posmodernismo. As imaxes que de Elia podemos contemplar na galería O Faiado, de Ribeira, son á vez tránsito e transo, realidade exterior e poética, proceso e resultado solemne. Un xogo de espellos sempre deformantes, sempre anovadores dun novo mundo, entre a continxencia e a necesidade.

Elia é artista que muda o pigmento polo píxel. O seu campo, a fotografía pintada. Un modo de pintar que imita as formas, as técnicas e os estilos da pintura de sempre pero con ferramentas informáticas, onde o smartphone (a tableta, a net.art) crea imaxes dixitais visibles e manipulables, que podemos compartir, ulir e tocar, como é o caso, nunha galería.

Unha arte, a da fotografía, que segue a ser actividade cultural con finalidade estética e/ou comunicativa, expresión de ideas, sentimentos, emocións e valores, inda que manifestados con recursos non tradicionais, sen taller nin cabalete.

Poida que chegase a hora, dende as pinturas rupestres, de redefinirmos a arte, canto a natureza coma a medios e sentidos finalistas. A arte dixital confróntanos co problema do autor, da técnica, da propiedade, da orixinalidade fronte á copia, da “aura teolóxico-sacra” fronte á “reproducibilidade técnica” (da que nos fala W. Benjamin), máis agora coa dixitalización dos procesos artísticos. Pero, se crear é emocionar, sorprender, a arte dixital vén para quedarse, distinta e igual, onde o talento ou o xenio deberían ser irrenunciables: visión, imaxinación, subxectividade,  habelencia, ensimesmamento, poesía…; isto é, nihil novum sub sole.

Elia harmoniza na súa obra o diálogo entre fotografía e pintura    –vinculadas por unha mesma linguaxe visual– que de sempre foi conflitivo e mais tamén de colaboración, entre a representación realista e o pictorialismo.

Para Elia, a arte vólvese medio de reflexión e viaxe entre o íntimo e o real, entre o efémero e o permanente. Con ela, a vida é esa longa realidade enmarcada entre ocorrencias e lúcidos soños que nos esmelgan nunha escritura sen texto acabado. Nela, a fotografía, esa fuxidía adicción ao tempo da memoria –sempre revisable– faise presente continuo pola reciclaxe de instantes cotiáns indefensos. E por ela, a beleza socórrenos  cun trazo ou punto de cor que eterniza o fugaz –e nos eterniza–, pese á nosa obsolescencia programada.

Elia Núñez Barez recolle, “neste conxunto de impulsos e intuicións”,  o desafío dun mundo fragmentado, que  nos confía en imaxes como “forma de protesta a través da cor”. Elia defende o corazón como único reloxo biolóxico e única heterocronía da posmodernidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *