A lene fariña das horas

cafe 1Gonzalo Trasbach. Mentres fumo un pito no balcón, nun instante fico enfeitizado ollando o misterioso brillo que desprenden as pólas das árbores baixo a agrisada luz da tarde. Aquilo que ata hai pouco parecía durmido, agochado tralas codias, revive cunha vitalidade e forza inauditas. Ante o meu asombro, anúnciase un estoupido de luz e cor. Aquí está a primavera. Axiña as follas ensinarán a súa verde sintaxe, as plantas empezarán a falar na súa florida linguaxe e os brotes das pereiras, maceiras e cerdeiras callarán nos seus froitos. O xasmín, o azar, a lavanda e os xeranios traballan nos alambiques para destilaren os seus perfumes. A nena dos meus ollos acéndese, ilumínase coa delicadeza dalgunhas flores silvestres. No outono da miña existencia, sobre as cinsas do inverno érguese unha vida nova.

cafe 2De súpeto, coma se dun río se tratase, atopeime remontando o curso do tempo. Nese curto pero intenso percorrido, os anos parecéronme estrañamente semellantes, semellantes a un pantano sementado de montiños de turba, de arbustos, de temerosos estremecementos, e de salgueiros, ameneiros e carballos ciscados entre pedregais, por entre os que regatos baixaban bailando e cantando, murmurando. No medio desa húmida paisaxe, coma un símbolo da nosa mortalidade, unha flor exhibía orgullosa a súa atordada beleza xusto antes de podrecer sufocada co aire espeso do pantanal.

Vinme entón absorto diante dunha fiestra ollando como agromaban os labores da primeira vide que podei. Observaba como medraba o froito do meu traballo dende aquela casa solitaria que habitaba de mozo cando un sombrío latexo golpeou na abstraída topografía do meu cerebro. Sentín un sobresalto. Chamaban á porta. Logo dun longo silencio escoitei unha voz feminina que me comunicaba unha fatal noticia. Horas máis tarde, xa na casa dos pais: bágoas, chíos esgazados, desolación… Borracho de tristeza busquei a soidade nun cornecho do alboio. cafe 3Entre unhas caixas e sobre uns vellos farrapos, a solitaria gata da casa, salvaxe e pouco amigable, pero á vez apreciada polo seu instinto cazador, acababa de parir cinco gatiños. Ela miroume coa indiferenza dos minerais. Vai unha vida e veñen cinco ao mundo. Apágase unha vida e entre farrapos latexan as miúdas criaturas.

 Unha vez máis, aquel día o bardo irlandés prestoume a súa gamela escura da noite e suquei o océano da dor ata encallar nas praias salgadas do medo. Mais agora xa está aquí a luz. O sol visítanos con máis frecuencia. Axiña escoitaremos a doce frauta dos lirios no leito do río. Os paxaros comezan a interpretar os indescifrábeis pentagramas das súas infinitas sinfonías. E axiña virá o verán, chegará a calor e con ela a frescura da sombra. E así, na penumbra da miña existencia mentres acaricio a descolorida postal das ruínas das primaveras pasadas, váiseme a vida entre os verdes botóns, como a lene fariña das horas se me escorre por entre os dedos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *