Xosé Manuel Lobato. De cando en vez, de vez en cando, sempre que outras obrigas me conceden licenza, aínda que menos veces das que eu desexo. Sempre é unha ilusión visitar a terra de nacenza, esa contorna vitalicia e vigorosa.
No meu caso é unha referencia sólida, unhas raíces que seguen nese lugar e me obrigan a volver. Sempre pensar en retornar coa ilusión da crianza que aspira acadar axiña os 3650 días dun tempo de aprendizaxe total.
Esta semana, coma sempre coa máxima ilusión, fixen unha visita á esforzada, suada e ensanguentada casa da emigración. Nesta casa puxeron todo meus pais, todo significa todo, sen máis voltas nin connotacións.
Ben, hoxe, despois da derradeira aspiración unida intimamente co derradeiro suspiro pola casa. Nisto meus pais por unha vez estiveron de acordo. Esa casa, o grande obxectivo, permanece fechada entoando a triste balada do esquecemento.
Por iso, o das visitas fuxidas é un resón do pasado e tamén alivio para a gran realización dos meus antepasados. Os seus espíritos inmortais pululan na casa mentres as súas posesións continúen intactas e o seu recordo segue a impregnar a todos os seus descendentes.
As viñas que rodean toda a finca, as árbores, a pequena horta que segue sendo unha despensa do máis ecolóxico, aínda que non ben coidadas, resisten e tentan permanecer lembrando a quen tanto os acariñou e admirou.
O vello limoeiro foi atacado varias veces polos temporais, o ano pasado levouno ao chan, mais persiste na súa loita pola supervivencia. Penso que tenta comunicarnos que nesa loita non hai fatiga posible. Este ano cargou como nunca o fixera, unha tonelada de limóns. Nesta última visita tentei alivialo de tanta carga e, mentres sacaba limóns e limóns, ante min aparece un niño de merlo con tres ovos, un barrelo acubillado por unha árbore que segue loitando pola súa supervivencia.
Alí encontrei de novo a vida, a vida que emerxe, un niño de merlo con tres ovos perfectamente camuflado entre as follas do vello limoeiro. Observeino detidamente e cavilei en contacto co limoeiro de sempre. Semellaba que tentaba articular sons para comunicarse comigo. Os sons non chegaron, mais creo que finalmente este limoeiro só tentaba amosarme o seu orgullo e a súa ledicia de que a vida continúe na contorna da casa, para sempre.