Xerardo AgraFoxo. Semella un arrabalde da capital iraquí. Un espazo urbano decadente e maltratado. As beirarrúas están rebentadas. Os edificios son auténticas ruínas, coas fachadas que parecen esnaquizadas pola artillería dun exército inimigo. As portas están desgonzadas, moitas fiestras cegadas e as terrazas ateigadas de trebellos. Nada é agradable aos ollos do visitante que se perde por este territorio ferido. Chove. E o barro das obras abrolla coma regueiros ocres. Os cans fedellan ao redor dos contedores. As rúas non ofrecen acougo, pero tampouco se reflicte inseguridade.
A paisaxe humana amosa constante actividade. Unha forma de comportarse que revela a dura loita pola vida. As soleiras das casas están invadidas por persoas que ofrecen os máis diversos oficios: carpinteiros, fontaneiros, costureiras, perruqueiros ou albaneis. As dificultades exprésanse nalgúns asuntos máis concretos: a alta cotización dun litro de aceite de oliva, unha bolsa de leite ou un quilo de carne de “res”. Neste arrabalde non hai ningunha concesión á vida confortable, nin ao consumismo. Ninguén é analfabeto, nin carece de protección social, pero a maioría vive na pobreza, visible nas vivendas con baños comunitarios. E tamén na roupa esfiañada, os zapatos desgastados e a tristeza nos ollos cando non se albisca unha saída ao labirinto.
No medio do caos, unha pintada: “Centro Habana: splendida esperienza, splendida gente, povo felice”. Un extraterrestre, italiano.